Galiza, a miña nación.
Poucas veces falei de cómo vexo o panorama ideolóxico no marco da opción nacionalista galega. Galiza, pra min, é a miña nación, o meu país, o curruncho da terra ao cual pertenzo. Galiza é unha nación porque, ademáis de ter unhas características xeográficas diferenciadas (o que nos separou durante moito tempo do resto de Iberia, e, por extensión, do resto da Europa Mediterránea) é un lugar onde a xente ten un patrón común de actuación, unha forte psique colectiva. Os teóricos nacionalistas, normalmente, sepáranse en dúas correntes, a etnohistoricista e os que ven claramente á vontade popular como un símbolo que constrúe a nación. Digamos pois que xa citei un dos argumentos clásicos que darían un teórico nacionalista etnohistoricista, pero conformarei unha serie de elementos que formarán a identidade galega colectiva, segundo o meu entender.
Galiza, terra nai.
Basareime primeiro en argumentos basados na historia común dos galegos e galegas, e da propia formación de esta conformación colectiva identitaria. Falaba antes dunha psique colectiva, dunha percepción lonxana de todo o que está fora dos dominios do territorio galego. Claramente, é unha identidade psicolóxica derrotista en certo modo, pero contestataria por outra banda. Ademáis, non é algo que se circunscriba tan só aos que se autodenominan como galegos, galeguistas ou nacionalistas. Podemos ter unha clara visión disto na forma de ser, xenuinamente galega (ou, sen entrar en valoracións, diferente da forma de ser de fora da Galiza) de rexións como a Comarca de A Coruña onde, malia estar máis normalizado o uso do castelán, utilízanse expresión e xerga procedente claramente do galego, non só por contacto directo, se non adoptado xa de maneira establecida).
Ademáis desta psique colectiva, atopo outro elemento clave de identificación nacional: o territorio. Como xa mencionei antes, a xeografía do noso país (o país dos mil ríos, como din moitos) favorece a dispersión da poboación e, ao mesmo tempo, fai difíciles as comunicacións co exterior. Iso favorece, ademáis, a creación duns valores comúns con respecto ao exterior, xa que as comunicacións realízanse (realizábanse, históricamente) fundamentalmente por mar, de maneira que só uns poucos son os influenciados polo exterior (e, tamén históricamente, aqueles que acudían á sega a Castela). A diferencia de lugares de paso coma Catalunya, Galiza sempre quedou illada e, pra ben ou pra mal, construiu unha realidade cotiá moi forte, por encima dos artificios que, ás veces, quérense impor dende os diferentes nacionalismos (galego, español etc).
Evidentemente, os elementos claves desta identidade nacional son, cómo non, os clásicos : a historia común e a lingua. Pero ben, se damos por válidos os dous elementos anteriores, podemos chegar á conclusión de que era normal que aqueles que vivían no noroeste, aillados incluso dos pobos cantábricos, acabaran por desenrolar unha lingua propia e chegaran a alinearse de forma común pra preservar os seus intereses. Polo tanto, outros requisitos básicos pra ser nación, son cumpridos sobradamente, cunha lingua que sobreviviu ao azoute incansable daqueles que preconizaban "a doma e castración de Galicia" e cunhas institucións existentes en diversos periodos históricos que, á marxe da existencia do Antigo Reino de Galicia (absorbido pola Coroa de Castela e León, aínda que non extinto efectivamente até o século XIX), foron decisorias en tódolos ámbitos. Un claro exemplo é a Iglesia (aínda que non se recoñeza dende a esquerda, polos feitos acaecidos no século XX) con sede central en Compostela (a catedral, evidentemente) que ao final acabou por ser a capital da Galiza (malia haber cidades máis importantes demográfica e económicamente.
Galiza, terra emigrante: a vontade.
Malia ser o punto máis difícil de explicar, a historia, lingua, xeografía etc non conforman a Galiza como nación. Galiza é nación na medida en que os galegos síntense como tal, na medida en que un votante dun partido pro-España (por exemplo, o Partido Popular, síntese máis galego que calquera e, maioritariamente, fala galego a cotío). Digamos que a dinámica de voto en Galiza segue unha lóxica propia, unha lóxica eminentemente conservadora se analizamos dous comicios seguidos pero, en cómputo global (1981 - 2008) podemos dicir que é un panorama perfectamente transformado en infinitas ocasións. Así, o elector non cambia en tanta medida coma o seu voto, é dicir, as achegas sociolóxicas a esta cuestión son as que deben ser tomadas en conta.
Neste senso, a vontade é un elemento clarificador e, o exemplo máis característico é a diáspora galega, a emigración. A vontade foi a que levou a milleiros de galegos espallados polo mundo a construir Centros Galegos, a reunirse, pero tamén a integrarse alí onde chegaban. Esa doble conciencia de ser do lugar de acollida e seguir sentíndose galego é a gran mostra da vontade de ser galego. Neste caso acentúase máis a diferencia entre o voto e a realidade, xa que na emigración os partidos que gañan normalmente son partidos non-nacionalistas, pero velaquí o misterio das manifestacións identitarias galegas separadas do nacionalismo político. Un exemplo deste tipo de manifestación son datos como os que nos ofrece o IDESCAT , segundo os cales 61.370 persoas que teñen como primeira lingua o galego en Catalunya (2003).
En conclusión, Galiza eríxese como nación con arreglo á definición desta como un conxunto de persoas cunha identidade común que, organizadas ou non como Estado, identifícanse colectivamente. Polo tanto, esta nación ten historia, lingua, psique colectiva, xeografía diferenciada; pero, sobre todo, ten futuro, derivado da súa vontade (social, non política necesariamente) de ter un camiño común na defensa dos intereses da Galiza.
Bibliografia:
Població segons primera llengua, any 2003, IDESCAT (2008)
Historia de Galicia, Galicia Espallada (2008).