Archive for setembro, 2007
setembro 24, 2007
Pero hoxe, chove dentro de min. Non é morriña, non é nada... É soedade. Hoxe, seguramente, verédesme escribir co corazón. Haberá erros, haberá pausas e incorcondancias. Todo será porque o meu estómago hoxe, de tanta ansiedade, síntese coma un trapo. Un trapo usado, rexeitado e posteriormente pisoteado; sen querer, por suposto. Ou sen saber evitalo, que a moita xente lle pasa.
E ben, hoxe, de min, só queda aquel cheiro a herba, de cando chove, chove e chove... Pero tanta chuvia xa botou á perder a colleita. E xa hai charcos. E énchense as pozas. Ata que se baleiren, non voltarei a ser o mesmo. E disque este ano, choveu máis ca nos últimos 6...
Ilusionarse é o peor que lle pode pasar a unha persoa. É depositar a confianza e as expectativas nun obxeto ou non suxeto, e, calquera dos dous, sempre acaba por non chegar a tan altas expectativas.
O pesimismo e o escepticismo son as mellores armas contra a sociedade do século XXI. A lo menos, para min...
chuzame -
setembro 22, 2007
Estou na casa, no ordenador, queimando os últimos días das miñas vacacións. Vacacións que, por outro lado, considero que xa remataron no momento no que tiven que marchar da terra. De súpito, o meu reproductor de música atopa (aleatoriamente) unha canción emblemática : "O Son do Ar", de Carlos Nuñez. A miña cara sufre unha transformación, a medida que os acordes da música se van sucedendo.
Hoxe chove, aquí en Barcelona. Pero non chove como na Galiza. Aquí, caen pequenas treixadas e, ao pouco tempo, abocaña de novo, pra, seguramente, non chover máis durante 2 ou 3 horas. Iso engrandece as miñas ganas de chorar. E non, non o farei, porque, malia que me pese, xa non son capaz de ser tan tremendamente utópico. E digo utópico porque, aínda que ata altas instancias políticas me teñen dito "a ti temos que recuperarte, tes que vir pra Galiza", son consciente da dificultade que iso encarna. Polo tanto, mellor non derramar ningunha lágrima, até que se consume o meu pensamento negativo ou, polo contrario, se faga realidade o soño...
O Son do Ar... O clima da Galiza da lugar a situacións moi bonitas. O vento, cando zoa entre as árbores e entre as casas de pedra, semella escapar dunha treboada que, de ben seguro, está por chegar. E esa treboada, precedida por tronos, e culminada con unha treixada perenne e regular é capaz de levar por diante ata os sons das gaitas que, no verán, honran na nosa terra aos santos máis descoñecidos. Incluso, nos tempos estivais, as nosas terras, ferventes de volver ao rego deléitannos con momentos invernais, que, aos que estamos fora, énchennos de ledicia pero tamén de bágoas os ollos.
Aquí xa non chove. A teoría que lles comentei foi certa, malia que podía ter sido casualidade. Máis na miña alma segue á chover...
chuzame -
setembro 19, 2007
Será o único. Qué nos queda? Falar? Nun mundo cheo de envexas e ganas de foder ao contrario (sí, foder), pouco se pode facer máis. E ben, dicir que esta reflexión (malia que podía vir) non provén de reflexións feitas a partir da miña actividade política. Non.
Pensar é gratis. Unha afirmación moi arrelada na cultura popular, sobre todo dende a aparición (e posterior explosión) do capitalismo feroz (liberalismo, e nalgún sitio xa neoliberalismo - propugnado polos inimigos do Estado do Benestar-) polo cual o máis mínimo intento de romper coa rutina comporta, ineludíbelmente, un gasto. !Colaboren, señores, á imposición do mercado, que nin tan sequera deciden vostedes co seu voto! Pero vamos, iso xa forma parte das contradiccións do neoliberalismo económico (tamén chamado neoliberalismo yankee).
Mais, despois desta pequena reflexión, considero que a frase coa que titulo este post é falsa, cando menos parcialmente. Pensar é a porta a un mundo exterior, cheo de soños e de anceios. Mais tamén é o principio do noso fin. Sempre valoramos as cousas simplificándoas (pra non caer no cálculo utilitarista propio dos economicistas e de Stuart Mill) , mais nesa simplificación (necesaria), cometemos o gran erro ( e posiblemente ése é a razón da imperfección humana, polo tanto o motivo da súa grandeza) de vernos influenciados polo entorno, até chegar ata cotas bastante inverosímiles.
Entón, chegamos á conclusión, que é a propia capacidade de adaptación ó medio, esa actitude que tornouse en aptitude (que por outro lado fixo que hoxe a especie humana exista) , fainos sucumbir ante o que temos diante dos nosos ollos, o que nos queren vender dunha forma sibilina e disimulada : O ESTABELECIDO. Así, a necesidade de comprar, ven dada da capacidade de querer estar ben dentro dun modelo social.
Desta forma, podemos afirmar sen trabucarnos, que PENSAR É O MÁIS CARO DO MUNDO...
chuzame -
setembro 13, 2007

O día de nacional de Catalunya é un día que, sen lugar a dúbidas, faite sentir integrado e orgulloso de vivir nos Països Catalans. Enorgulléceste de vivir rodeado de xente implicada na vida social, que defende "o seu" (lo nostre) dunha forma tan clara e decidida. E non falo de política nin de políticos, cónstese.
Todo isto podo dicilo despois de ter asistido aos actos celebrados o 11 de Setembro por ERC e outros colectivos e partidos de diferente ideoloxía (sí, por alí había até xente da UXT). Primeiramente, sorprendeume gratamente a acollida da xente, que, ao vernos cunhas bandeiras galegas ás costas (ou colgadas dun pao), non dubidaban en virnos á falar. Este foi o caso do Portaveu Nacional das JERC, e diputado de ERC no Parlament, Pere Aragonès e de un bo número de "descoñecidos" pero igual de comprometidos coa causa que alí nos reunía: a posta en escea do "català emprenyat", o catalán enfadado pola mala xestión de Madrid nos asuntos daquí.
Decíame xente que as manifestacións do 11-S eran aburridas, de ámbito familiar, sen nengún tipo de reivindicación (ou moi poucas, vamos). Mais este ano, o desastre das cercanías, as promesas incumplidas e o gran apagón (do que, por certo, eu tamén fun damnificado) capitalizaron aínda máis o desexo de independencia, berrado con moita máis forza que outros anos, sen lugar a dúbidas.
As reivindicacións sempre son lexítimas, mais non sempre intelixentes. Este, sen dúbida, non é o caso. Catalunya merece máis atención (igual que merece Galiza) por parte do estado (aínda que por diferentes motivos). E a xente daquí deixouno claro ...
PD: Todo isto, escribíndoo cando fai xusto 1 ano que comecei a miña andaina no blogomillo alá en http://eu-e-galiza.blogspot.com e que, agora mesmo, acabo de pechar. Como ben dixen, hai outras terras...
chuzame -
setembro 10, 2007
Sempre se me caracterizou como un rapaz serio, responsable e agradable no trato. Amigo dos seus amigos, pero ao mesmo tempo cordial (e non cargante) nas relacións cos descoñecidos. E iso, non é que o diga eu, senón que é froito de conversas con amigos nas que realmente se sinceran.
E sempre me costou entender qué querían dicir cando me definían, sen maior reparo, cunha palabra tan realmente preocupante: SERIO. Supoño, non sei, que será a capacidade de afrontalas cousas como veñen, a que fai a un estar sempre alerta, non deixarse levar pola sinrazón en ningún (ou case ningún) momento. E diso era do que quería falar.

Como ben dicía Darwin, a fortaleza dunha especie non se basea na súa forza física nin tampouco no seu balance de éxito reproductivo. A supervivencia de dita especie recae na capacidade de adaptación, o que, no caso do ser humano, deu en ser a súa intelixencia. Pois ben, ese axioma tan fácil (aparentemente) de descifrar, é unha das claves pra comprender a orixe de gran parte dos problemas que a civilización (enténdase todo o mundo) ten consigo mesma.
Por exemplo: teñen un problema de adaptación os sociólogos ou estudosos que, ao ires a mundos e culturas diferentes (véxase o mundo islámico) chamen "civilización" ao mundo no que nós vivimos. Este mundo ao que me refiro, non é nin mellor nin peor ca outros, senón que é diferente. Por elo, temos que ser capaces de adaptarnos, comprender e tentar arranxar os problemas en común.
Toda esta reflexión é froito da experiencia persoal, da interacción real entre pobos e culturas e das ansias de construír un mundo no que o respecto sexa a base de toda política ou doctrina social. Pero é moi fácil falar en xenérico. !Comecemos por nós mesmos!
Nas novas andainas, naqueles lugares novos, aos que os ciclos vitais nos envían, comportémonos como seres civilizados, como dicían aqueles estudosos trabucados. De ben seguro, gañaremos todos...
chuzame -