Isto é Esparta
marzo 22, 2008Iso semellan berrar tódolos líderes políticos a día de hoxe; inseridos en plena campaña electoral. Como se o noso país fora a terra da loita sen violencia, aparecen polas nosas rúas numerosos cartaces coas caras de Zapatero, Rajoy, Jorquera e tantos outros de menor incidencia real nos nosos futuros e no noso día a día.
Semella que se nos acaba o tempo; que despois do 9 de marzo xa non haberá vida nin posible relación co mundo da política. Hai moitos (non todos, evidentemente) que parecen invocar a Mosca e a Pareto, querendo impor un modelo de democracia elitista onde o cidadán, ao ter depositado o seu voto, deixe de existir durante 4 anos (e a ser posíbel, que non dé moito a lata). Por citar algún exemplo, os gobernantes do PSOE de España ben podían facer campañas chamando á participación real durante a lexislatura 2004-2008, non á hora de facer a campaña dirixida a pedilo voto (cos videos guais dirixidos por Isabel Coixet.)
Á marxe da crítica concreta ás campañas electorais, nas que vai tempo que se superaron os límites do racional e normal (un mitin xa non é unha explicación dun mapa, senón un baño de multides de reafirmación dunha ideoloxía), podo afirmar, sen arrepentirme, que estamos á ver unhas campañas electorais técnicamente moi boas, pero horribles na praxis política. Utilizando o método da contrapromesa, só caibe a reafirmación nas propias ideas e o aplauso interesado de quen gosta de escoitar. Neste marco, os medios de comunicación (especialmente as televisións) teñen un papel preponderante; así coma os grupos de presión máis organizados e disciplinados (círculos empresariais, colectivos de homosexuais, etc).
Moito se ten falado (e as propias canles de televisión así o demostraron) da importancia de escoller un moderador de cara a un debate. Eu penso que, ningún tipo de debate vai mobilizar a ninguén; se cadra tan só vai mover as conciencias daqueles que realmente pensan e meditan o seu voto (é dicir, aqueles que saben a quen votan cando insertan a súa papeleta na urna.)
É que o Estado ten graves problemas en cuestións de pedagoxía sobre a democracia. É inadmisíbel que se deixe pensar á poboación que votan por "Rajoy" ou "Zapatero". !Non, señora, non, vostede non vota por Rajoy ou Jorquera, senón que escolle a Olaia ou a Ana Pastor! Esperemos que, sobre isto, algo faga esa asignatura (tan criticada polo Partido Popular) que é Educación pra a Cidadanía. O que non pode ser é que tanto circo montado non faga máis que despistar ao personal sobre o sistema político e que, tan só os ben informados e os politólogos saian nas revistas especializadas e en artigos de opinión a desmentir as lendas urbanas sobre o mundo da política.
Por iso precisamos unha democracia real, onde se recoñeza o dereito á decidir dos povos, así como que poidamos dicir, sen avergoñarnos: "Isto é Galiza!". E aínda queda moito por camiñar.
chuzame -
Ei Silvio! T’anava a enganxar el comentari que no vaig poder enviar-te, però veig que ja as actualitzat.
Intentaré llegir que dius de l’amic Mariano, si no ho entenc ja t’ho diré!
Saluts!
Add A Comment