A Diáspora e a Emigración

Arquivado en: Cousas miñas, Política Galiza, Sensacións, Sociedade — 5 Abril 2008 @ 2:58 pm

Moitas veces confundimos conceptos. A influencia que exercen os poderes públicos e a meirande parte dos medios de comunicación sobre a concepción dos galegos no exterior é moito maior do que moitas veces nos paramos á pensar. Cando pronuncia alguén as palabras "emigrante", "emigrar" ou "Galiza exterior" o imaxinario colectivo dos residentes no país tende á recordar tan só dous aspectos (negativos): o fraude que representan as eleccións nas que participan os inscritos no CERA e, por outro lado, as imaxes en blanco e negro de xente antes de embarcar na aventura de marchar da terra nai.

Dos procesos democráticos no exterior teño pouco que dicir; apoio a mellora da calidade do voto no exterior, mais penso que, moitas veces, hai un déficit de información por culpa dos propios políticos e do pouco vencellamento con Galiza con algúns dos netos de galegos que aínda conservan dereito a voto. Mais iso, por moito que se teorice, son cuestións políticas. A onde quero chegar eu é ao outro tema; á iconografía (aínda perdurable) sobre a Galiza exterior.

Todos coñecemos a foto que Manuel Ferrol lle fixo a Manuel Ángel Calo Marcote (coñecido como O Jurjo) no porto da Coruña, mentres vía como despedían del a súa nai e mais dúas irmás (que ían camiño de Bos Aires). Ao seu lado, tiña abrazado a el ao seu fillo Xoán, de 6 anos, que está á chorar coa mesma intensidade que O Jurjo. Dende o punto de vista fotográfico, a foto é ben representativa da realidade do momento; dunha emigración forzada polas circunstancias, polas dificultades pra saír adiante. Chegados ata aquí, non habería ningún tipo de problema.

As consecuencias desta imaxe (e de todo o que comporta, evidentemente), a día de hoxe, son devastadoras (aínda sabéndome eu un devoto da arte fotográfica e máis desta fotografía en concreto). Son devastadoras, repito, porque á xente de Galiza xa non se lle ocorre pensar nos emigrantes como alguén que vive noutro sitio, conservando a súa identidade e espallándoa polo mundo, senón que os consideran simplemente como un residuo histórico de tempos peores. É por iso que compre espallar a idea de diáspora.

A diáspora, sería, esa xente galega, de orixe, devoción ou nacemento que, estando espallada por todo o mundo, transmite esa mensaxe, esas raíces, ese amor, esa morriña e tantas outras cousas e sentimentos aos que alí o rodean. Galiza, por tanto, vive alí onde vive un galego. Había quen decía que, en Barcelona, onde eu resido, podíase vivir única e exclusivamente en galego. E, a verdade, eu non llo nego, mais eu non optarei por esa opción. Sempre emocionan eses ollos extrañados dalgún catalán que che pregunta pola túa condición, polo teu país; polo teu. ¿Se naciches en Esplugues de Llobregat como vas ser galego?¿Falas galego na casa?¿Existe unha ortografía, sintaxe e diccionario en galego?¿Cómo que fas radio en galego en Barcelona?. E de feito, contarlles todo isto é contarlle unha historia de vida; un proceso decisorio, vital (onde tamén está o momento de marchar da terra , mais non o é todo) e, sobre todo, consciente da identidade persoal con respecto ao colectivo.

En conclusión, emigrantes son aqueles que marcharon e só gardan sentimentos negativos no seu interior, moitas veces movidos pola morriña, pero que nunca se adaptaron ao paso dos anos. A diáspora somos aqueles que, aínda que tivemos que marchar, construimos Galiza ali onde vamos; sen caer na construcción de ghetos, mesturándonos e enriquecéndonos do que vemos alén das nosas fronteiras. Desta forma, temos a difícil misión pedagóxica de facerlles saber a cataláns, arxentinos, españois, franceses etc que somos galegos. Mais, desafortunadamente, tamén llo temos que explicar á meirande parte dos galegos.

Artigo publicado en Vieiros.com o 31/03/2008.

Chuzame! chuzame -

Non hai comentarios »

Ainda non hai comentarios.

Fonte RSS para os comentarios desta anotación. TrackBack URI

Deixa un comentario

Os saltos de liña e parágrafos son automáticos, os enderezos de correo electrónico nunca se publican, as etiquetas HTML permitidas son: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>

(requerido)

(requerido)