Archive for maio, 2008
maio 17, 2008
Dende hai séculos, temos unha lingua. Dende hai séculos, pódemonos identificar cun pronome de primeira persoa do plural. Nós, somos os que temos que darlle garantía ao avance e promoción da nosa lingua, recollendo o testigo de aqueles que o fixeron no pasado e que nos transmitiron ese amor ao galego.
Hoxe, é 17 de Maio, Día das Letras Galegas. Por iso temos que manifestarnos con máis claridade, con máis forza aínda, do que nos manifestamos no día a día. Temos que utilizala lingua do mellor xeito que sabemos (ou que saben os que saben) pra levantarnos contra poderes maiores que, dunha forma sibilina e continuada, afogan dun xeito ou outro os dereitos de quen queren vivir en galego. Pero non temos que ser negativos: nós, debemos defender a nosa lingua polo simple feito de que non nos serven argumentos como o número de falantes, como a presunta utilidade de inglés, castelán, francés... A nós, válenos o galego, porque somos galegos e;o demáis, xa non é cuestión de dereitos, é cuestión de pluralidade (da que non debemos esquecernos.
DEITADO FRENTE Ó MAR...
Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...
Celso Emilio Ferreiro (Longa Noite de Pedra)
A nosa Galiza, que ollaron Castelao, Rosalía, Pondal e tantos outros, con ollos de ilusión e con acción reivindicativa, merece que sigamos facéndoo. Fagámolo por nós. Fagámolo polo galego.
chuzame -
maio 14, 2008
Manifesto “Na defensa do noso idioma”
As persoas asinantes da presente declaración, somos autoras e autores de blogues galegos, que suscribimos voluntaria e libremente esta iniciativa e que publicamente MANIFESTAMOS:
- O noso completo e activo compromiso coa lingua galega, como principal alicerce da nosa identidade colectiva como pobo así como a nosa preocupación perante a situación que esta vive na actualidade.
- Entendemos a Rede como unha canle con importantes potencialidades para a expansión en usos do noso idioma que deben ser aproveitadas, e avogamos porque o galego sexa tamén a lingua vehicular das/os galegas/os en Internet. Apoiamos tamén a reivindicación dun dominio propio en internet para Galiza.
- Expresamos o noso total rexeitamento perante todo ataque contra o galego, independentemente de quen proveña, e particularmente no caso de entidades que declarándose defensoras dun presunto, mais falaz, bilingüísmo incorren en ser de facto unha manifestación do auto-odio.
- Reclamamos o noso dereito a vivir con completa normalidade na lingua que é propia de Galiza, tendo garantido plenamente o noso dereito a empregala en todos os eidos da nosa vida.
- Adherímonos colectivamente ao manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego” d’A Mesa pola Normalización Lingüística.
- Chamamos á cidadanía galega, especialmente á mocidade, a participar na manifestación nacional en defensa do noso idioma, que baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego” convoca A Mesa pola Normalización Lingüística, e que terá lugar o vindeiro domingo 18 de maio, na cidade de Compostela, e que partirá ás 12h da Alameda.
Galiza, maio de 2008.
Este é o manifesto de BLOGUES POLA LINGUA, unha iniciativa da cal "O caderno do Silvio" é promotor e que pretende defender o uso do galego na rede e nos blogues. Podes ver a lista de adhesións e tamén adherirte enviando un correo electrónico indicando a URL, o teu correo e o nome do teu blogue a
Informacións : http://www.xornal.com/article.php3?sid=20080514125844
http://chuza.org/historia/blogues-pola-lingua/
http://www.vieiros.com/nova/66507/blogues-pola-lingua-a-defensa-do-galego-na-rede
http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=11&idNoticia=300265
chuzame -
maio 14, 2008
Os galegos de fora e a didáctica da diáspora
Dentro da galeguidade común que nos reúne, e que se manifesta (con orgullo) en actividades tales como as que se poden celebrar en Barcelona no mes de maio, ás veces, debemos entristecernos pola pouca transcendencia e valoración por parte dos habitantes da “Galiza territorial”. Moitas veces hai que cansarse de explicar, de contarlle aos teus propios paisanos, que o que ti fas non é unha actividade folclorista, tampouco nacionalista; senón que é unha mezcla de manifestación persoal e enriquecemento cultural con outras culturas (se cadra, mellor organizadas, promocionadas e manifestadas que a nosa propia).
Dar, pra recibir; dar, pra sentirnos mellor conmigo mesmos; pero, sobretodo, dar, pra non esquecernos do que somos. É importante conservar a nosa lingua, os nosos costumes, a nosa maneira de vivir... Sen convertirnos en garantes de guettos ou defensores de gaitas ou bailes tradicionais, debemos ser responsables nunha ardua tarea, que é a de conservar o noso sen estancarnos no pasado e tampouco sen esquecelo.
Os tópicos, din que os novos, coma min, non nos comprometemos, que somos leña verde (moito fume, pero non arde). Mais, os tópicos, sempre están pra rompelos, pra loitar contra eles. E xa vai sendo hora de que os galegos non só asistamos, non só baixemos a cabeza cando manden os patróns. Porque, dunha vez por todas, deben de deixar de mexar por nós...
Artigo publicado en A Micro Pechado, número 97, Maio de 2008.
A Micro Pechado 2008 - Maio
chuzame -
maio 8, 2008
Moitas veces esquecémonos de que somos un povo espallado polo mundo. Moitas veces non reparamos na nosa realidade fora da Galiza. Pero, sobre todo, non temos en conta a visión que teñen dos galegos nos lugares (moitas veces lonxanos, outras veces non tanto) onde hai un galego, onde hai alguén que fala a nosa lingua.
¿Qué pensan de nós os arxentinos, uruguaios, brasileiros...? ¿E os madrileños, cataláns e vascos?Primeiro entran os prexuízos, aquelas creenzas que se transmiten de pais a fillos, cuestións que se presupoñen vox populi, pero que á hora da verdade quedan eclipsadas e pasan a ser meras curiosidades ou, se cadra, aquilo do que primeiro se esquecen.
O traballo do que emigrou: deixar un bo sabor de boca do que significa ser galego, cousa que, xeralmente, non é agradecido nin doado, pero que é tremendamente satisfatorio cando acadas éxitos, xa que te sabes representante de toda unha nación; de todo o noso país; de todas as nosas xentes.
Hai diferentes maneiras de ver a un galego, incluso diferenciadas polo tempo. A vella imaxe do galego traballador, que estaba alí en París, Bruxelas, Berlín etc gañándose a vida pra mandarlle cartos periódicamente aos seus (e moitas veces vivindo unha vida penosa). Esta visión, seguramente, situaríamola cronolóxicamente nos anos do franquismo e, ademáis coincidiría coa apertura dun sinfín de negocios galegos (restaurantes, bares e outros), que lle deron unha proxección gastronómica e social a todo aquilo que se definía como "galego".
Tamén esta foi a época da gran puxanza dos Centros Galegos, que se erixían como as grandes entidades sociais de refuxio dos galegos no exterior, onde compartían a súa morriña e, simplemente, interactuaban entre eles (de aí saíran moitas parellas, e moitas amizades). Dalgunha maneira, esta época, situémola xeográficamente en Bos Aires, París ou Barcelona, ten características moi similares, mais unha cousa destaca por encima de todo: os galegos, como comunidade cultural, social e, política, non existíamos.
E sí, falo de comunidade cultural, social e política, das tres patas da existencia real dun povo, aínda que esté fora. Sen querer ferir as sensibilidades de ninguén, os galegos, ata os anos 90, fomos uns reprimidos política, social, e culturalmente. Só estabamos orgullosos dos nosos platos, das nosas bebidas e dos nosos bailes populares; que constituíron un folclore. Ata que a xente, comezou a entrar en sentido.
O GALEGO, volveu ser a lingua propia dos Centros Galegos e das Federacións de Entidades Galegas (cousa que, en moitos casos, parecía imposible). AS ACTIVIDADES CULTURAIS deixaron de ser solo comilonas e degustacións. Estas dúas cousas, en maior ou menor medida, vanse cumplindo pouco a pouco e máis dende o impacto que representou o movemento "Nunca Máis" e o cambio de goberno (no que afecta a subvencións e atención ás entidades do exterior). Aínda así, esquecémonos da parte máis importante da presencia galega no exterior: a vertente política. Temos un triángulo que completar, temos que ser galegos e estar orgullosos de selo, dentro da nosa (libre) opción política.
¿CÓMO NOS VEN? Unha gran parte da poboación venos como a nacionalidade histórica que non merecería selo, como a Galiza filla de Fraga e do PP, como a comunidade envellecida que só ten gaitas. Tamén dubidan sobre a realidade da nosa lingua, - preguntando en moitas ocasións se o galego está normativizado (xa non normalizado) – pero tamén da solvencia e fortaleza do nacionalismo, así como da propia conciencia de país. Semella curioso que a pedagoxía se teña que converter en imprescindíbel á hora de contar que o BNG é de esquerdas (non de dereitas, como pensan moitos que é –cando digo moitos, digo moitos cataláns, neste caso- , cando ollan o pacto "Galeuscat") e que ten unha base social sólida na Galiza.
Non debemos deixar que se fale só de nacionalismos catalán e vasco; non debemos deixar que nos pasen por encima á hora de ser protagonistas nos titulares dos telexornais. Debemos organizarnos, debemos afirmarnos políticamente alí onde nós estemos. É por iso, que, a conciencia individual, debe facer presente ao nacionalismo galego na emigración. Os galegos, non temos fronteiras; non poñamos nós trabas ao que somos...
Artigo publicado en vieiros.com, mundogaliza e inforosal.
chuzame -