Poesía contra a ignorancia
maio 17, 2008Dende hai séculos, temos unha lingua. Dende hai séculos, pódemonos identificar cun pronome de primeira persoa do plural. Nós, somos os que temos que darlle garantía ao avance e promoción da nosa lingua, recollendo o testigo de aqueles que o fixeron no pasado e que nos transmitiron ese amor ao galego.
Hoxe, é 17 de Maio, Día das Letras Galegas. Por iso temos que manifestarnos con máis claridade, con máis forza aínda, do que nos manifestamos no día a día. Temos que utilizala lingua do mellor xeito que sabemos (ou que saben os que saben) pra levantarnos contra poderes maiores que, dunha forma sibilina e continuada, afogan dun xeito ou outro os dereitos de quen queren vivir en galego. Pero non temos que ser negativos: nós, debemos defender a nosa lingua polo simple feito de que non nos serven argumentos como o número de falantes, como a presunta utilidade de inglés, castelán, francés... A nós, válenos o galego, porque somos galegos e;o demáis, xa non é cuestión de dereitos, é cuestión de pluralidade (da que non debemos esquecernos.
DEITADO FRENTE Ó MAR...
Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...
Celso Emilio Ferreiro (Longa Noite de Pedra)
A nosa Galiza, que ollaron Castelao, Rosalía, Pondal e tantos outros, con ollos de ilusión e con acción reivindicativa, merece que sigamos facéndoo. Fagámolo por nós. Fagámolo polo galego.
chuzame -
Aínda si é cuestión de dereitos. O dereito de comunicarse como un queira.
Add A Comment