Archive for xuño, 2008

Portugal, Galiza, e os ollos alleos

xuño 16, 2008

O pasado 10 de Xuño celebrouse o día de Camões, o día das Comunidades Portuguesas. En definitiva, os portugueses celebraron o seu día da patria, unha información pouco relevante a nivel mediático xa que non foi referenciada (nin o foi nunca) polos xornais (en papel e dixitais) de Madrid e por extensión os europeus. Esta falla de información do que acontece no país veciño é bastante sintomática. Lonxe do Menos mal que nos queda Portugal, do paniberismo rexurdinte en según qué mentes (algunhas interesadas, outras menos) e da simple competencia en torneos deportivos, os nosos irmáns portugueses son uns absolutos descoñecidos. E podemos citar exemplos moi claros.

Quén é realmente importante na política europea? Alemania, Francia e o Reino Unido. Quen ten uns gobernantes con maior influencia (aínda que sexa mediática) na política comunitaria? Alemania, Francia, Reino Unido, España e Italia (configurando ese equilibrio entre a Europa continental e a mediterránea). E Portugal? Lonxe quedan xa as boas relacións co Reino Unido que o levaron a acadala independencia, ou a proxección internacional que tivo até o século XIX (conservando un imperio máis forte que o español). Agora mesmo, nin Cavaco Silva nin José Sócrates (aínda que este último é un político ben visto dende según qué países) son líderes recoñecidos. Nin, tan siquera, coñecidos. Quen rompe a regla: o señor Durao Barroso, con tan grandes méritos como aparecer na foto das Azores e levar a cabo políticas a imitación das de Aznar en España no curto período de mandato que tivo como primeiro ministro de Portugal (2002-2004). E tamén hai quen fala que Durao Barroso quitoulle proxección á UE (tendo en conta que os anteriores presidentes da comisión nos últimos 20 anos foron homes coma Romano Prodi, Manuel Marín – interino- , Jacques Santer, Jacques Delors e Gaston Thorn). Mais Portugal non merece ese trato informativo.

Portugal é un país que, informativamente, dá máis do que recibe. Lendo os xornais deportivos (A Bóla) vese claramente, pero tamén lendo o diario “Público”, ou o “Diario de Noticias” podemos atopar referencias á política de España (Zapatero – e no pasado foino Aznar - é un asiduo de páxinas de política). A lóxica do medo é a que guía Portugal: o xigante español (tan puxante económicamente en tempos lonxanos) ameaza con afogar aos lusos. E, a verdade, non creo que dende o Estado Español se plantexaran ningunha vez iso, non por falta de ambición de según qué partidos españolistas, mais sí por ignorancia e descoñecemento da situación de Portugal.

O país luso é definido politolóxicamente como unha das poucas nacións puras, estados cunha soa nación (e cultura) real do ámbito mundial. É moi significativo que isto sexa así: tan só unha illa como Islandia é considerada como un exemplo parello ao portugués. Este feito pódese explicar por dúas vías: polo descoñecemento por parte dos sabios da diferenciación cultural (que non nacional) Norte-Sul ou pola unidade nacional construida durante a ditadura que se arrastrou até os nosos días. Esta unidade nacional do Estado Portugués, construida sobre o patrón do vello imperio portugués e artificiosa por definición, non resposta á realidade. É inevitábel acordame do Air Galicia (ese programa de humor da galega) de hai menos dunha semana, na que os galegos se separaban de España e pasaban a formar parte de Portugal (nunha unión esaxerada nos tópicos, pero útil pra identificala). Portugal é o Estado-nación perfecto, superando a Francia. E non nos esquezamos, a ignorancia dos ollos que a miran, aínda avivan máis os tópicos e homoxeneización social das xentes que alí viven. Cómo se explica, se non, que os portugueses do norte falen cada vez máis unha lingua máis semellante á que fala o lisboeta?

Galiza non pode pecar de centralismo, como diseñaron os franceses o como aplicaron tamén (con maior ou menor éxito) portugueses e españois. Galiza non se pode refuxiar na ignorancia dos ollos dos que a miran (que seguen á vela como un lugar estrano), ten que saber equilibrar o interior e a costa, o rural coas cidades, non ter unha capital forte en termos industriais (pero sí en culturais) etc. Galiza, debe fomentalo uso da lingua do noso país, pero ten que respetar a gheada sen ridiculizala e incluir tamén en textos formais (e oficiais) o uso do che tan característico dalgunhas zonas de Ourense. O modelo multicultural suizo (que, malia que tamén son obxeto de prexuízos e visións externas erróneas), que respeta a identidade de quen fala unha lingua ou outra e que, mediante o seu sistema federal, artella o poder dos cantóns e o da federación, sería un modelo a imitar, ou polo menos a ter en conta na conciencia de todos os galegos con capacidade de dilucidar o futuro da nosa nación (independentemente do signo político co que nos identifiquemos).

E, a ver se dunha vez por todas, nos damos conta de que o Estado-nación (a raça que pregona Cavaco Silva) é un modelo caduco. Tampouco imos dicir agora que nós non somos GALEGOS, porque, é evidente que o somos. Mais non podemos nin cerrarnos ao mundo nin ignorar o que nos rodea. Non nos esquezamos da opresión, non nos convirtamos en opresores, como aqueles vellos comunistas que, unha vez vendidos ao capitalismo, convertíronse en burgueses. Sexamos coherentes; vivamos polas ideas.

Artigo publicado en mundogaliza.com     e  vieiros.com

Chuzame! chuzame -

Qué queres ser de maior?

xuño 3, 2008

Hai quen non sabe qué fai; hai quen fala do que non entende. Comezando polos que lle botan a culpa á lei d’Hondt dos malos resultados de IU (obviando que a culpa en realidade tena Javier de Burgos - que foi quen diseñou as provincias – e a lei pola reforma política – que as estabeleceu como circumcripcións electorais) e rematando polos que fan dun arquetipo, dun tópico; a súa maneira de velo mundo. Digamos que, pra moitos, os prexuízos moven o mundo. Pero hai exemplos que a un sácano de quicio.

Lía no periódico vai pouco que un tal Pepe Muleiro (pseudónimo de Ricardo Parrotta) publicara na Arxentina un libro de chistes sobre gallegos. Ben, por todos é sabido que pra os arxentinos somos pouco máis que os de Lepe son pra os españois; pero ben, considero que a falta de respeto que levou a cabo este home é demasiado grande. Estás en una habitación con Hitler, Bin Laden y un gallego. Tienes una pistola, sólo dos balas. ¿Qué haces?Pues le disparo al gallego dos veces, para asegurarme. Se isto é humor, a verdade, que non conten comigo pra rir.

Aínda que, hai outra cara da mesma moeda. Aquela xente que comprende, non se deixa levar pola palabrería e entende quen é. Falo do que representa a película Abrígate (que se pode ver no Cinema Comedia en V.O), producción galaico-arxentina rodada na Galiza que fala da historia dos xa coñecidos retornados, neste caso da América.

En fin, hai quen sabe o que quere, e hai quen, cando lle preguntan qué vai ser de maior, só sabe respostar: “Xubilado”.

Chuzame! chuzame -