Barcelona Atlàntica
xullo 23, 2008Barcelona Atlàntica
Compostela engalánase cando chega o día da patria. Os diferentes colectivos, dunha forma ou outra (independentemente da súa ideoloxía) celebran a festividade máis importante do noso país. Algúns celebran unicamente os festexos relixiosos, outros participan como moito en algunha das actividades culturais organizadas, mais, a xente que quere deixar oír a súa voz na defensa da Galiza, só esa xente, sae á rúa e maniféstase. Ese debe ser o obxectivo de todos e cada un dos galegos: ser quen de saír á rúa, por propia vontade, a afirmar a súa condición. O noso deber(e máis nas datas sinaladas no calendario) é aprender a afirmarnos a nós mesmos.
Qué temos?
Galiza é un pequeno país do norte da península Ibérica. Ten unha lingua propia, unha historia común e unha cultura diferenciada e recoñecida fora das nosas fronteiras. Galiza posúe unhas institucións propias, recollidas no Estatuto de 1981 (recordemos que no seu referéndum votaron só o 28,27% dos galegos chamados a facelo) e destinadas a xestionar a autonomía administrativa cedida polo Estado español. Dende Madrid recoñécese, tamén, a cooficialidade do galego na Comunidade Autónoma de Galicia e a condición de nacionalidade histórica nos títulos preliminares da Constitución de 1978. Galiza ten tamén un rico folkore, froito da súa historia e das súas tradicións, que nos últimos anos fora sacado lonxe do ámbito cultural pra ser convertido nun mero espectáculo tradicional. A Galiza, ademais, pertencen por dereito propio aqueles que, estando fora do territorio da mesma, séntense vencellados a esta (mediante a lingua galega ou a manifestación da galeguidade por todo o mundo).
Qué queremos ter?
Non sabemos qué queremos ter, a qué queremos optar, os galegos. Hai divisións dentro e fora do nacionalismo, dentro e fora da esquerda, dentro e fora da dereita. Incluso, dentro de formacións minúsculas (como aquelas que acadaban deputados na transición) habería discrepancias sobre cal sería a folla de ruta a seguir cara unha mellora da situación do noso país. Por iso, a análise deberíase centrar en cuestións, primeiro obxectivas e, despois, de ámbito máis político. Conveñamos que: o Estatuto de Galicia é pouco lexítimo (aínda que legal) e, como a Constitución, está desfasado dende o punto de vista xurídico. Esta análise fixérona nesta lexislatura os tres grandes partidos, dende diferentes puntos de vista, e xa é un paso importante. A vontade real constrúe os avances; as unanimidades irreais destrúen o futuro, porque poñerían paus no camiño daqueles que saquen adiante calquera reforma.
Deste xeito, unha reforma consensuada do Estatuto sería unha boa saída ao estancamento do avance social da Galiza. Bloqueada esta vía, a outra que se antolla posíbel sería unha reforma da Constitución, onde as autonomías deixen de ser divisións administrativas con poder executivo (competencial) e lexislativo (na materia onde teña competencias) e se pase a un modelo de estado diferente, que conciba unha división da soberanía e que, polo tanto, constrúa unhas institucións galegas máis fortes na Galiza pero tamén na interrelación coas diferentes institucións autonómicas do Estado español. Un modelo no que os gobernos “rexionais” tiveran incidencia nas leis do Estado aplícase xa en Suiza e noutros países de tradición federalista. Aínda así, esta concepción federalista sería tan só un pequeno paso pra Galiza, xa que seguramente outras autonomías terían máis peso decisorio(por criterios demográficos ou de renda per cápita) nestas hipotéticas institucións. Polo tanto, Galiza quedaría supeditada, como polo de agora, a un segunda plano revestido de economía deficitaria pola intervención de Madrid nos intereses propios e de terceiros, en lugar de facelos na dirección que lle sería favorábel a Galiza. Tecnicamente, quedan descartados deste xeito os modelos propostos tanto polo PPdG como polo PSdG (poñamos como autonomistas a sectores dos dous partidos e como federalistas a un sector do PSdG). Sin embargo, a vía autodeterminista non foi valorada, por inviábel. Xuridicamente, a ningún nacionalista se lle escapa, é imposíbel unha secesión (ou establecer como suxeto quen de decidir o seu futuro) legal do Estado español. Este déficit de dereitos comúns e este choque de intereses múltiples fai que só exista unha solución a todas estas cuestións; e pasa polo medio máis vello de manifestación política.
Qué debemos facer?
Os galegos conscientes da nosa condición; que respectámo-la lingua e que defendemos os intereses da Galiza diante dos de outros lugares debemos manifestarnos e actuar en consecuencia. Debemos celebrar o día da patria, o 25 de Xullo coa maior das intencións, que é a de favorecer ao país e de berrar ben forte quen somos e qué queremos construír. Queremos construír unha República Galega dentro da UE na que debamos ser máis escoitados tamén en materia comercial? Só hai unha vía, pra que nos teñan en conta; pra que o mundo tome conciencia de que existimos. E pra iso debemos ser capaces de aproveitar as potencialidades que nos aporta a Galiza Extraterritorial, a diáspora galega.
En Catalunya celebramos a “Diada de Galícia a Catalunya”, onde a Generalitat recibe a diferentes entidades galegas e de igual xeito, neses mesmos días, celébranse diferentes tipos de actos onde as entidades conmemoran, pola súa conta, o día da nosa patria e reivindican os dereitos negados ao noso pobo. Construímos así unha Barcelona Atlántica de verdade; un lugar onde os cataláns comprenden e apoian a causa galega, onde a brisa atlántica enche os pulmóns de quen escoita falar en galego dos temas relacionados coa Galiza e dos problemas da Galiza exterior.
Por iso, o día que cheguemos a ter, non só unha Barcelona, se non un Bos Aires Atlántico, unha Berna Atlántica, un Montevideo Atlántico etc teremos a lexitimidade externa negada ás nosas institucións; teremos o poder de dicirlle ao mundo quen somos e qué queremos. A independencia é posíbel; só se saímos á rúa. Aquí, e na China.
Publicado en: MundoGaliza
chúzame -
Add A Comment