Archive for outubro, 2008

Tempos Modernos (II)

outubro 9, 2008

Tempos Modernos (II)

Falei de tempos modernos, de ideas e de pensamentos do individuo.  Falei tamén de reaccións colectivas, de revolucións, do Che e dos grandes movementos sociais do século XX. Tamén dixen, e reafírmome, que ben desexaría que rexurdiran os revolucionarios (citaba a Ernesto Guevara) e as revolucións (citaba o Maio do 1968). É curioso que non cite nin a Revolución Rusa do 1917 nin tampouco a Fidel Castro, Lenin ou Trotsky. Básicamente, eu non son comunista.

Esta frase última é impactante, de por si. Parece recoller o vello moho que tiña a palabra comunista (grazas ao inestimábel caudillo ferrolá máis coñecido de tódolos tempos) pero, ao mesmo tempo, dalle unha importancia que enche a boca de dicila. Porén, engádelle un elemento, que a formula co verbo ser, o cal engádelle aínda máis intriga á cuestión; se cadra, a quen escribe, gustaríalle selo.

Critícaseme cando recordo ao Che ou as revoltas estudiantís; cando recordo a quen, sinxelamente, pensou un mundo mellor sen gañar nada a cambio. Altruismo e ideas combinadas dun xeito que só o individuo pode concebir. Ideais cuia nobreza non poderá ser nunca desconsiderada, xa sexa falando de Marx ou do Che.

Moitas veces (e moitos dos chamados comunistas) esquecéronse de que o colectivo non ten sentido sen o individuo (nen o individuo sen o colectivo, lección pendente dos liberais) e ése, se cadra, é o principal problema da aplicación das teses marxista-leninistas.

Agora ben. Nos tempos que corren, nos que o capital e o mercado (xuntamente coas bolsas e as inxeccións financieiras) son palabras hiperrepetidas nos xornais de información, deberíamos volver atrás e preguntarnos radicalmente: ¿por qué mercado? ¿por qué aforro? ¿por qué inversión?.

Precisamos xente que saiba interpretar o mundo actual sen poñerse as gafas do capitalismo. Que se pregunten por qué.  Se cadra, non hai máis saída aos problemas deste mundo que un mundo capitalista; pero se cadra aínda hai quen o imaxine doutro xeito. E non como as multinacionais...

Chuzame! chúzame -