Archive for novembro, 2008

Morando no pasado…

novembro 9, 2008

Morando no pasado...

Os grandes teóricos, aqueles que souberon mirar o mundo con outros ollos, sempre tomaron como punto de partida o seu pasado. Pero non pra elaborar novas teorías sobre o futuro, se non pra entender a propia realidade, o propio entorno do que escribe, do que pensa.  "En xeral, os fillos non comezan a querer aos pais ata pasados os trinta anos" , Enrique Jardiel Poncela.  Neste caso, esta sentencia do dramaturgo español Jardiel Poncela danos a ver o que, moitas veces, acaba sendo o pasado pra nós.

As análises obxectivas non son útiles pra comprender o pasado, na maioría dos casos. O pasado está caracterizado, inexplicablemente, por un tinte de opinión, por forzas incomprensíbeis que cada un adecua ao seu propio pensamento.  Baixando da esfera abstracta, podemos dicir que o pasado afecta de maneira diferente aos que o coñecen mediante os  libros de historia que aos que a padecen, indirectamente, despois dun proceso de socialización cultural e política. Por exemplo, un rapaz autodeclarado de dereitas no 2008 non terá a mesma visión do franquismo en dous casos diferenciados: a) se o seu avó foi represaliado polo réxime dictatorial; b) se o seu avó foi garda civil e honorado polos seus servizos á Patria. Este exercicio de proxección histórica, fainos ver que a tolerancia perante un feito reprobábel dende un punto de vista obxectivo é diferente. A historia tapa os ollos de quen non quere saber os males dos outros.

"¿Pode decirse que Galiza foi excesivamente bondadosa? ¿Eisisteu, por acaso, exceso de xenerosidade? Nós quixéramos responder negativamente, porque non é agradable pasar pola peneira do trasacordo as accións xenerosas que realizamos; pero Galiza  - que tiña concencia dos seus dereitos - non quixo rebelarse contra un "organismo supletorio" que nin era capaz de asimilarnos, nin tiña capacidade para rexirnos, nin representaba un ideal colectivo. O noso pobo doíase, queixábase e renegábase; pero prefiría emigrar en paz a provocar conflitos."  CASTELAO, Sempre en Galiza.

Galiza doíase e doése do seu pasado. Renega del, renega tamén das feridas que nela deixou. Galiza prefire esquecerse de que marcharon moitos dos seus fillos; antes que espallar a súa semente polo mundo. Non fora cousa que iso poidera provocarlle algún problema, algún conflito. Ese mimetismo sociolóxico en Galiza é unha das cousas máis endémicas e negativas da súa historia. Porque o pasado da Galiza non debe falar de derrotas, debe falar de esperanzas e anceios.

Galiza debe cumprir xa os seus 30 anos (como dicía o dramaturgo); debe de comezar a quererlle aos seus pais, sen deixar de coidalos seus fillos. Galiza debe quererse a si mesma, e tamén aos que tiveron que deixala. Porque esa semente chea de dor, plantada noutra terra a desgusto,  pode ser a base dunha construcción global, dunha Galiza moderna. Dunha Galiza presente, explícita ou implícitamente, no pasado e no presente de moitos lugares...

Chuzame! chúzame -