Archive for the ‘Cousas miñas’ Category

Dándolle voltas - Os galegos de fora e a didáctica da diáspora

maio 14, 2008

Os galegos de fora e a didáctica da diáspora

Dentro da galeguidade común que nos reúne, e que se manifesta (con orgullo) en actividades tales como as que se poden celebrar en Barcelona no mes de maio, ás veces, debemos entristecernos pola pouca transcendencia e valoración por parte dos habitantes da “Galiza territorial”. Moitas veces hai que cansarse de explicar, de contarlle aos teus propios paisanos, que o que ti fas non é unha actividade folclorista, tampouco nacionalista; senón que é unha mezcla de manifestación persoal e enriquecemento cultural con outras culturas (se cadra, mellor organizadas, promocionadas e manifestadas que a nosa propia).

Dar, pra recibir; dar, pra sentirnos mellor conmigo mesmos; pero, sobretodo, dar, pra non esquecernos do que somos. É importante conservar a nosa lingua, os nosos costumes, a nosa maneira de vivir... Sen convertirnos en garantes de guettos ou defensores de gaitas ou bailes tradicionais, debemos ser responsables nunha ardua tarea, que é a de conservar o noso sen estancarnos no pasado e tampouco sen esquecelo.

Os tópicos, din que os novos, coma min, non nos comprometemos, que somos leña verde (moito fume, pero non arde). Mais, os tópicos, sempre están pra rompelos, pra loitar contra eles. E xa vai sendo hora de que os galegos non só asistamos, non só baixemos a cabeza cando manden os patróns. Porque, dunha vez por todas, deben de deixar de mexar por nós...

Artigo publicado en A Micro Pechado, número 97, Maio de 2008.

A Micro Pechado 2008 - Maio

Chuzame! chuzame -

Os galegos (¿Cómo nos ven?)

maio 8, 2008

Moitas veces esquecémonos de que somos un povo espallado polo mundo. Moitas veces non reparamos na nosa realidade fora da Galiza. Pero, sobre todo, non temos en conta a visión que teñen dos galegos nos lugares (moitas veces lonxanos, outras veces non tanto) onde hai un galego, onde hai alguén que fala a nosa lingua.

¿Qué pensan de nós os arxentinos, uruguaios, brasileiros...? ¿E os madrileños, cataláns e vascos?Primeiro entran os prexuízos, aquelas creenzas que se transmiten de pais a fillos, cuestións que se presupoñen vox populi, pero que á hora da verdade quedan eclipsadas e pasan a ser meras curiosidades ou, se cadra, aquilo do que primeiro se esquecen.

O traballo do que emigrou: deixar un bo sabor de boca do que significa ser galego, cousa que, xeralmente, non é agradecido nin doado, pero que é tremendamente satisfatorio cando acadas éxitos, xa que te sabes representante de toda unha nación; de todo o noso país; de todas as nosas xentes.

Hai diferentes maneiras de ver a un galego, incluso diferenciadas polo tempo. A vella imaxe do galego traballador, que estaba alí en París, Bruxelas, Berlín etc gañándose a vida pra mandarlle cartos periódicamente aos seus (e moitas veces vivindo unha vida penosa). Esta visión, seguramente, situaríamola cronolóxicamente nos anos do franquismo e, ademáis coincidiría coa apertura dun sinfín de negocios galegos (restaurantes, bares e outros), que lle deron unha proxección gastronómica e social a todo aquilo que se definía como "galego".

Tamén esta foi a época da gran puxanza dos Centros Galegos, que se erixían como as grandes entidades sociais de refuxio dos galegos no exterior, onde compartían a súa morriña e, simplemente, interactuaban entre eles (de aí saíran moitas parellas, e moitas amizades).  Dalgunha maneira, esta época, situémola xeográficamente en Bos Aires, París ou Barcelona, ten características moi similares, mais unha cousa destaca por encima de todo: os galegos, como comunidade cultural, social e, política, non existíamos.

E sí, falo de comunidade cultural, social e política, das tres patas da existencia real dun povo, aínda que esté fora. Sen querer ferir as sensibilidades de ninguén, os galegos, ata os anos 90, fomos uns reprimidos política, social, e culturalmente. Só estabamos orgullosos dos nosos platos, das nosas bebidas e dos nosos bailes populares; que constituíron un folclore. Ata que a xente, comezou a entrar en sentido.

O GALEGO, volveu ser a lingua propia dos Centros Galegos e das Federacións de Entidades Galegas (cousa que, en moitos casos, parecía imposible).  AS ACTIVIDADES CULTURAIS deixaron de ser solo comilonas e degustacións. Estas dúas cousas, en maior ou menor medida, vanse cumplindo pouco a pouco e máis dende o impacto que representou o movemento "Nunca Máis" e o cambio de goberno (no que afecta a subvencións e atención ás entidades do exterior). Aínda así, esquecémonos da parte máis importante da presencia galega no exterior: a vertente política. Temos un triángulo que completar, temos que ser galegos e estar orgullosos de selo, dentro da nosa (libre) opción política.

¿CÓMO NOS VEN? Unha gran parte da poboación venos como a nacionalidade histórica que non merecería selo, como a Galiza filla de Fraga e do PP, como a comunidade envellecida que só ten gaitas. Tamén dubidan sobre a realidade da nosa lingua, - preguntando en moitas ocasións se o galego está normativizado (xa non normalizado) – pero tamén da solvencia e fortaleza do nacionalismo, así como da propia conciencia de país. Semella curioso que a pedagoxía se teña que converter en imprescindíbel á hora de contar que o BNG é de esquerdas (non de dereitas, como pensan moitos que é –cando digo moitos, digo moitos cataláns, neste caso- , cando ollan o pacto "Galeuscat") e que ten unha base social sólida na Galiza.

Non debemos deixar que se fale só de nacionalismos catalán e vasco; non debemos deixar que nos pasen por encima á hora de ser protagonistas nos titulares dos telexornais. Debemos organizarnos, debemos afirmarnos políticamente alí onde nós estemos. É por iso, que, a conciencia individual, debe facer presente ao nacionalismo galego na emigración. Os galegos, non temos fronteiras; non poñamos nós trabas ao que somos...

Artigo publicado en vieiros.com, mundogaliza e inforosal.

Chuzame! chuzame -

A Diáspora e a Emigración

abril 5, 2008

Moitas veces confundimos conceptos. A influencia que exercen os poderes públicos e a meirande parte dos medios de comunicación sobre a concepción dos galegos no exterior é moito maior do que moitas veces nos paramos á pensar. Cando pronuncia alguén as palabras "emigrante", "emigrar" ou "Galiza exterior" o imaxinario colectivo dos residentes no país tende á recordar tan só dous aspectos (negativos): o fraude que representan as eleccións nas que participan os inscritos no CERA e, por outro lado, as imaxes en blanco e negro de xente antes de embarcar na aventura de marchar da terra nai.

Dos procesos democráticos no exterior teño pouco que dicir; apoio a mellora da calidade do voto no exterior, mais penso que, moitas veces, hai un déficit de información por culpa dos propios políticos e do pouco vencellamento con Galiza con algúns dos netos de galegos que aínda conservan dereito a voto. Mais iso, por moito que se teorice, son cuestións políticas. A onde quero chegar eu é ao outro tema; á iconografía (aínda perdurable) sobre a Galiza exterior.

Todos coñecemos a foto que Manuel Ferrol lle fixo a Manuel Ángel Calo Marcote (coñecido como O Jurjo) no porto da Coruña, mentres vía como despedían del a súa nai e mais dúas irmás (que ían camiño de Bos Aires). Ao seu lado, tiña abrazado a el ao seu fillo Xoán, de 6 anos, que está á chorar coa mesma intensidade que O Jurjo. Dende o punto de vista fotográfico, a foto é ben representativa da realidade do momento; dunha emigración forzada polas circunstancias, polas dificultades pra saír adiante. Chegados ata aquí, non habería ningún tipo de problema.

As consecuencias desta imaxe (e de todo o que comporta, evidentemente), a día de hoxe, son devastadoras (aínda sabéndome eu un devoto da arte fotográfica e máis desta fotografía en concreto). Son devastadoras, repito, porque á xente de Galiza xa non se lle ocorre pensar nos emigrantes como alguén que vive noutro sitio, conservando a súa identidade e espallándoa polo mundo, senón que os consideran simplemente como un residuo histórico de tempos peores. É por iso que compre espallar a idea de diáspora.

A diáspora, sería, esa xente galega, de orixe, devoción ou nacemento que, estando espallada por todo o mundo, transmite esa mensaxe, esas raíces, ese amor, esa morriña e tantas outras cousas e sentimentos aos que alí o rodean. Galiza, por tanto, vive alí onde vive un galego. Había quen decía que, en Barcelona, onde eu resido, podíase vivir única e exclusivamente en galego. E, a verdade, eu non llo nego, mais eu non optarei por esa opción. Sempre emocionan eses ollos extrañados dalgún catalán que che pregunta pola túa condición, polo teu país; polo teu. ¿Se naciches en Esplugues de Llobregat como vas ser galego?¿Falas galego na casa?¿Existe unha ortografía, sintaxe e diccionario en galego?¿Cómo que fas radio en galego en Barcelona?. E de feito, contarlles todo isto é contarlle unha historia de vida; un proceso decisorio, vital (onde tamén está o momento de marchar da terra , mais non o é todo) e, sobre todo, consciente da identidade persoal con respecto ao colectivo.

En conclusión, emigrantes son aqueles que marcharon e só gardan sentimentos negativos no seu interior, moitas veces movidos pola morriña, pero que nunca se adaptaron ao paso dos anos. A diáspora somos aqueles que, aínda que tivemos que marchar, construimos Galiza ali onde vamos; sen caer na construcción de ghetos, mesturándonos e enriquecéndonos do que vemos alén das nosas fronteiras. Desta forma, temos a difícil misión pedagóxica de facerlles saber a cataláns, arxentinos, españois, franceses etc que somos galegos. Mais, desafortunadamente, tamén llo temos que explicar á meirande parte dos galegos.

Artigo publicado en Vieiros.com o 31/03/2008.

Chuzame! chuzame -

Estabilidade

novembro 13, 2007

O outro día comentaba cun bo amigo meu o bonito que é estar seguro dalgunha cousa; saber de certo que o que dis é demostrábel. E parece que, en conversacións de bar (ou similares), todos levan a razón (mais xeralmente ningún acaba por dar unha lectura razonada de nada; berrar non leva a ningures).

Ben, saber algo ao 100%, a día de hoxe, considero, é bastante difícil. Por poñer un exemplo, podemos asegurar sen trabucarnos que o estado cambiante da sociedade impídenos estabelecer modelos inamovibles de actuación (en ámbitos concretos) á hora de comezar relacións sociais. E iso, realmente, fai que (cual Madonna se tratase) te teñas que reinventar de forma casi continuada, cada vez que cambias de ambiente.

Iso, pra os que lamentábelmente tivemos que emigrar, é unha constante. Eu, en Catalunya, cambiei. Foi o tempo, pero tamén foron os que me rodearon e a forma de vivilo. E agora, cheguei a un punto do que, seguramente, non hai retorno. Estou seguro de algo, ao 100%, cousa complicada, tal e como dixen anteriormente. E aquelo do que estou seguro é algo que, na Galiza, non sentín.

Estar namorado é tan bo como malos os momentos previos a ser correspondido. Choveu moito, fai un mes e algo, encima meu. Pero a espera pagou a pena. Hoxe, estou seguro de estar namorado e, incluso, de ser correspondido (da mellor das formas que podía imaxinar, todo sexa dito).

Pero vamos, iso xa non é cuestión do pensamento; o mundo "relativo" acábase cando atopas a estabilidade... Fora pesimismos e escepticismos!

Chuzame! chuzame -

Momentos…

outubro 21, 2007

Sempre é difícil manter unha imaxe de persoa enteira, infranqueábel e (aparentemente) fría ante os estímulos da vida. Sí, é complexo crear barreiras, poñer pedras no camiño dos que intentan ferir apelando ao persoal.

Gustoume dende pequecho escribir. Seguramente, foi o meu modo de escapar da realidade, de matar os prexuízos sociais e de crear unha personalidade propia, onde denunciar o malo da vida e enunciar o agochado dos meus adentros.  Xa de pequeno, algún profesor (dos poucos que collera confianza cun distante Silvio), chamábame "El hombre de hierro" apelando ao inexpresivo dos meus xestos e á tranquilidade diante das tarefas estudiantís, confiante do éxito na superación das mesmas.

Así, este rapaz que lles fala, sempre foi estigmatizado como una persoa efectiva académicamente e lineal socialmente, malia a incipiente capacidade que viña desenrolando no tocante á crítica social. Pero, os prexuízos, como ben é sabido, morren axiña, cando non son certos.  E, xustamente iso, aconteceume no día de onte.

Desexar a unha persoa, é moi bonito. Querer a unha persoa, cando es correspondido, cambiache a vida. Pero, cando amas a unha persoa, a parte de todo o xa mencionado, perdes o timón da nave, perdes a brúxula coa que sempre navegaches nos mares da vida.  E, cando, cheo de dor e raiba acumulada, provinente de tempos pasados nos que choveu arreo encima da miña alma, rompo á chorar polo bo do momento e a incredulidade coa que o vivo; entón é que son eu.

Sí, foi onte. Camiñando polas Ramblas, ás 12 da noite. Rompín á chorar, da man dunha moza; da miña moza.  Son prudente; non considero axeitado mostrar os meus sentimentos así como así, a calquera que coñeza: sobre todo, porque sempre son sinceros e entregados. Sí, valorando tempos pasados nos que eu, sufría día tras día, noite tras noite, sentíndome un iluso por, entre outras cousas, confiar aínda en que ela se fixara nun soñador coma min.

Lagrimóns percorrían o meu rostro, até chegar aos meus beizos. Ela, incrédula da miña explosión atemporal (tendo en conta o momento no que chegaban), non facía máis que vanagloriarse pola grandiosidade e sinceridade do que eu levaba dentro do meu peito. Eu, ríndome mentras choraba, só acertaba á comezar frases e á dicir palabras inconexas.

Son eses, só, os momentos que lle dan sentido á vida. Cando, realmente,  quitámonos as máscaras* e deixamos fluir o que levamos dentro, todo o acumulado, sae. A lo menos, confórmome con ter algo máis ca cabeza. Supoño que teño corazón...

Chuzame! chuzame -

¿Novos tempos?

outubro 6, 2007

Sí, agora estou na universidade. Todo semella diferente, incluso, os compañeiros, que proveñen de moi diferentes sitios desta terra, de Catalunya. A xente, contrariamente ao que pasa en moitos círculos diferentes a este, ábrese extraordinariamente a manter conversas con xente da que ignoran todo. É curioso, cando menos, ver como o azar é o que máis xoga en posíbeis amizades que duraran anos, seguramente. Pero vamos, hai quen lle quere chamar destino.

Hoxe, estou extraordinariamente pesimista. Foron algúns os que me preguntaron qué me pasada, a raíz do último post. Realmente, ter un mal que todo o mundo pasou algunha vez non me alerta; alértame ter sempre o meu mesmo mal.

De aquí, o título. En realidade, botou á andar unha nova etapa no meu transcurso vital pero, inexplicablemente, sinto que vivo nun bucle e que, tan só, cambiaron os actores que me rodean. E, neste caso, non falo dos meus compañeiros e compañeiras de Ciencias Políticas, nos que tiven unha gran acollida. El gallego sempre cae ben, neste tipo de situacións, mais en realidade, sempre ten un transfondo vital do que ten que olvidarse, necesariamente.

Si, aínda chove. Pero parece que xa caeu o diluvio. Só hai que esperar...

Chuzame! chuzame -

Segue chovendo…

setembro 24, 2007

Pero hoxe, chove dentro de min. Non é morriña, non é nada... É soedade. Hoxe, seguramente, verédesme escribir co corazón. Haberá erros, haberá pausas e incorcondancias. Todo será porque o meu estómago hoxe, de tanta ansiedade, síntese coma un trapo. Un trapo usado, rexeitado e posteriormente pisoteado; sen querer, por suposto. Ou sen saber evitalo, que a moita xente lle pasa.

E ben, hoxe, de min, só queda aquel cheiro a herba, de cando chove, chove e chove... Pero tanta chuvia xa botou á perder a colleita. E xa hai charcos. E énchense as pozas. Ata que se baleiren, non voltarei a ser o mesmo. E disque este ano, choveu máis ca nos últimos 6...

 Ilusionarse é o peor que lle pode pasar a unha persoa. É depositar a confianza e as expectativas nun obxeto ou non suxeto, e, calquera dos dous, sempre acaba por non chegar a tan altas expectativas.

O pesimismo e o escepticismo son as mellores armas contra a sociedade do século XXI. A lo menos, para min...

Chuzame! chuzame -

Chovendo…

setembro 22, 2007

Estou na casa, no ordenador, queimando os últimos días das miñas vacacións. Vacacións que, por outro lado, considero que xa remataron no momento no que tiven que marchar da terra. De súpito, o meu reproductor de música atopa (aleatoriamente) unha canción emblemática : "O Son do Ar", de Carlos Nuñez. A miña cara sufre unha transformación, a medida que os acordes da música se van sucedendo.

Hoxe chove, aquí en Barcelona. Pero non chove como na Galiza. Aquí, caen pequenas treixadas e, ao pouco tempo, abocaña de novo, pra, seguramente, non chover máis durante 2 ou 3 horas. Iso engrandece as miñas ganas de chorar. E non, non o farei, porque, malia que me pese, xa non son capaz de ser tan tremendamente utópico. E digo utópico porque, aínda que ata altas instancias políticas me teñen dito "a ti temos que recuperarte, tes que vir pra Galiza", son consciente da dificultade que iso encarna. Polo tanto, mellor non derramar ningunha lágrima, até que se consume o meu pensamento negativo ou, polo contrario, se faga realidade o soño...

O Son do Ar... O clima da Galiza da lugar a situacións moi bonitas. O vento, cando zoa entre as árbores e entre as casas de pedra, semella escapar dunha treboada que, de ben seguro, está por chegar. E esa treboada, precedida por tronos, e culminada con unha treixada perenne e regular é capaz de levar por diante ata os sons das gaitas que, no verán, honran na nosa terra aos santos máis descoñecidos. Incluso, nos tempos estivais, as nosas terras, ferventes de volver ao rego deléitannos con momentos invernais, que, aos que estamos fora, énchennos de ledicia pero tamén de bágoas os ollos.

Aquí xa non chove. A teoría que lles comentei foi certa, malia que podía ter sido casualidade. Máis na miña alma segue á chover...

Chuzame! chuzame -

Tan doado esquecer…

xuño 30, 2007

Nesta vida, acontécenos de todo. Pasamos por unhas e outras circunstancias, compartindo experiencias con moi diferentes persoas. Ás veces, saimos escaldados, tendo dúas tazas cando non queriamos ningunha. Mais, outras veces, non nos damos conta do que temos preto de nós, idealizamos a calquera sen ter en conta que, se cadra, ten máis erros dos que nós poidamos ter nunca.

Sempre soñei con mezclar mundos. Sí, aquelo que ás veces nos pasa, que temos un soño ou pesadelo no que aparecen xentes de distintos ámbitos da túa vida formando parte dunha mesma historia. Chamádeme inconsciente, chamádeme o que queirades. Pero este feito mostra unha parte bastante clara da miña persoa: formo parte de moitos mundos.

E coma min, todos, en maior ou menor medida. Mais o meu caso, nese senso, é especial, con 1000 km de por meio. Non é por darlle maior dramatismo á miña historia persoal, mais está claro que aqueles que podían ser amigos meus en Ourense non teñen nada que ver, desafortunadamente, coas amizades feitas ou por facer na terra de acollida.

Soñando, pois, queres ver xuntos a aqueles dous amigos, nun contexto común (e a cotío descoñecido). Queres tamén adecuarte ti a eles, creando un ambiente idóneo. Xa se sabe, soñar é gratis.

O máis cruel é cando, no teu inconsciente, sobreviven as imaxes desas persoas que, dun xeito ou outro, marcaron a túa forma de ser, o teu futuro e, inevitablemente, pensas que elas xa te esqueceron. Un tributo ao pasado non sempre é malo, é máis, reafirma con creces as túas orixes, daste un sí a ti mesmo. (tal como decía Nietzsche cando falaba de dar un sí á vida). A vida creadora pasa polo pasado, sen dúbida.

Aínda que, seguramente, pra moitos dos que me coñeceron, dos que formaron parte da miña formación como persoa é tan doado esquecer...

Chuzame! chuzame -