Archive for the ‘Sensacións’ Category

A Diáspora e a Emigración

abril 5, 2008

Moitas veces confundimos conceptos. A influencia que exercen os poderes públicos e a meirande parte dos medios de comunicación sobre a concepción dos galegos no exterior é moito maior do que moitas veces nos paramos á pensar. Cando pronuncia alguén as palabras "emigrante", "emigrar" ou "Galiza exterior" o imaxinario colectivo dos residentes no país tende á recordar tan só dous aspectos (negativos): o fraude que representan as eleccións nas que participan os inscritos no CERA e, por outro lado, as imaxes en blanco e negro de xente antes de embarcar na aventura de marchar da terra nai.

Dos procesos democráticos no exterior teño pouco que dicir; apoio a mellora da calidade do voto no exterior, mais penso que, moitas veces, hai un déficit de información por culpa dos propios políticos e do pouco vencellamento con Galiza con algúns dos netos de galegos que aínda conservan dereito a voto. Mais iso, por moito que se teorice, son cuestións políticas. A onde quero chegar eu é ao outro tema; á iconografía (aínda perdurable) sobre a Galiza exterior.

Todos coñecemos a foto que Manuel Ferrol lle fixo a Manuel Ángel Calo Marcote (coñecido como O Jurjo) no porto da Coruña, mentres vía como despedían del a súa nai e mais dúas irmás (que ían camiño de Bos Aires). Ao seu lado, tiña abrazado a el ao seu fillo Xoán, de 6 anos, que está á chorar coa mesma intensidade que O Jurjo. Dende o punto de vista fotográfico, a foto é ben representativa da realidade do momento; dunha emigración forzada polas circunstancias, polas dificultades pra saír adiante. Chegados ata aquí, non habería ningún tipo de problema.

As consecuencias desta imaxe (e de todo o que comporta, evidentemente), a día de hoxe, son devastadoras (aínda sabéndome eu un devoto da arte fotográfica e máis desta fotografía en concreto). Son devastadoras, repito, porque á xente de Galiza xa non se lle ocorre pensar nos emigrantes como alguén que vive noutro sitio, conservando a súa identidade e espallándoa polo mundo, senón que os consideran simplemente como un residuo histórico de tempos peores. É por iso que compre espallar a idea de diáspora.

A diáspora, sería, esa xente galega, de orixe, devoción ou nacemento que, estando espallada por todo o mundo, transmite esa mensaxe, esas raíces, ese amor, esa morriña e tantas outras cousas e sentimentos aos que alí o rodean. Galiza, por tanto, vive alí onde vive un galego. Había quen decía que, en Barcelona, onde eu resido, podíase vivir única e exclusivamente en galego. E, a verdade, eu non llo nego, mais eu non optarei por esa opción. Sempre emocionan eses ollos extrañados dalgún catalán que che pregunta pola túa condición, polo teu país; polo teu. ¿Se naciches en Esplugues de Llobregat como vas ser galego?¿Falas galego na casa?¿Existe unha ortografía, sintaxe e diccionario en galego?¿Cómo que fas radio en galego en Barcelona?. E de feito, contarlles todo isto é contarlle unha historia de vida; un proceso decisorio, vital (onde tamén está o momento de marchar da terra , mais non o é todo) e, sobre todo, consciente da identidade persoal con respecto ao colectivo.

En conclusión, emigrantes son aqueles que marcharon e só gardan sentimentos negativos no seu interior, moitas veces movidos pola morriña, pero que nunca se adaptaron ao paso dos anos. A diáspora somos aqueles que, aínda que tivemos que marchar, construimos Galiza ali onde vamos; sen caer na construcción de ghetos, mesturándonos e enriquecéndonos do que vemos alén das nosas fronteiras. Desta forma, temos a difícil misión pedagóxica de facerlles saber a cataláns, arxentinos, españois, franceses etc que somos galegos. Mais, desafortunadamente, tamén llo temos que explicar á meirande parte dos galegos.

Artigo publicado en Vieiros.com o 31/03/2008.

Chuzame! chuzame -

Tiro ao aire

xaneiro 10, 2008

Despértome, miro cara arriba e, co medo no rostro, escoito como se repiten, unha e outra vez, uns sóns difíciles de recoñecer pero que, noutros tempos, seguramente, tivera pensado que se tratara dun disparo. Medio durmido, móvome paseniño cara á fiestra, e, de súpeto, vexo unha luz resplandecedora por detrás das cortinas. Pensei na policía, en multitudes de ambulancias. Por iso, din un paso atrás e, recollendo toda a valentía que me quedaba, abrín a fiestra de par en par. Comezaba o ano: eran fogos de artificio.

O home, xeralmente, pouco diferencia entre o festivo e o apocalíptico. E é ben curioso. O 2008 comezou cunhas proclamas apocalípticas no económico (contrarrestadas polas opinións dos gobernos de turno), coa consecución (a ver pra cando) de novas competencias pra Galiza e, sobre todo, coa precampaña electoral. Unha campaña electoral marcada pola sinrazón e a promesa fácil, en tempos difíciles. 

Sí, está claro: as apariencias enganan. Nin o PSOE está á sacar a súa vena máis federalista repartindo competencias por doquier nin tampouco as chamadas ao patriotismo de Zapatero son froito dun aumento do centralismo nas conciencias de eses que se fan chamar obreiros.  Tampouco, por parte do Partido Popular, se quedan cortos. Rajoy tanta fala de primos, como nega o cambio climático, como contradi a Fraga dicindo que "non quero que o matrimonio homosexual sexa matrimonio: debe ser unha unión de feito".  ¿Se a efectos legais e xurídicos será o mesmo... Non é unha medida esa de cara á galería?

Paciencia, hai que ter. Mentras, o resto dos partidos esfórzanse por facerse cun anaquiño de cota de pantalla nesta pre-pre-campaña bipolarizada. De ERC en Catalunya aínda non sei nada (sobre algo que non sexa o TGV), pero CiU xa fixo suficiente ruído co tema do AVE, malia que foi máis capitalizado no ámbito estatal polo PP. O BNG está xogando unha carta que nunca xogara, e que segundo as enquisas (Público) deixaríao onde está: con dous deputados (malia a reducción dun deputado pola Coruña). Nestas eleccións comprobaremos se, os galegos, despois do pragmatismo quintanista, votarán como galegos, dunha vez por todas. Se non, habería que mirar de buscar outros camiños...

Xa deron o tiro ao aire. Xa comezou a carreira. O que chegue primeiro, goberna o Estado. Deus nos asista.

Chuzame! chuzame -

¿Novos tempos?

outubro 6, 2007

Sí, agora estou na universidade. Todo semella diferente, incluso, os compañeiros, que proveñen de moi diferentes sitios desta terra, de Catalunya. A xente, contrariamente ao que pasa en moitos círculos diferentes a este, ábrese extraordinariamente a manter conversas con xente da que ignoran todo. É curioso, cando menos, ver como o azar é o que máis xoga en posíbeis amizades que duraran anos, seguramente. Pero vamos, hai quen lle quere chamar destino.

Hoxe, estou extraordinariamente pesimista. Foron algúns os que me preguntaron qué me pasada, a raíz do último post. Realmente, ter un mal que todo o mundo pasou algunha vez non me alerta; alértame ter sempre o meu mesmo mal.

De aquí, o título. En realidade, botou á andar unha nova etapa no meu transcurso vital pero, inexplicablemente, sinto que vivo nun bucle e que, tan só, cambiaron os actores que me rodean. E, neste caso, non falo dos meus compañeiros e compañeiras de Ciencias Políticas, nos que tiven unha gran acollida. El gallego sempre cae ben, neste tipo de situacións, mais en realidade, sempre ten un transfondo vital do que ten que olvidarse, necesariamente.

Si, aínda chove. Pero parece que xa caeu o diluvio. Só hai que esperar...

Chuzame! chuzame -

Chovendo…

setembro 22, 2007

Estou na casa, no ordenador, queimando os últimos días das miñas vacacións. Vacacións que, por outro lado, considero que xa remataron no momento no que tiven que marchar da terra. De súpito, o meu reproductor de música atopa (aleatoriamente) unha canción emblemática : "O Son do Ar", de Carlos Nuñez. A miña cara sufre unha transformación, a medida que os acordes da música se van sucedendo.

Hoxe chove, aquí en Barcelona. Pero non chove como na Galiza. Aquí, caen pequenas treixadas e, ao pouco tempo, abocaña de novo, pra, seguramente, non chover máis durante 2 ou 3 horas. Iso engrandece as miñas ganas de chorar. E non, non o farei, porque, malia que me pese, xa non son capaz de ser tan tremendamente utópico. E digo utópico porque, aínda que ata altas instancias políticas me teñen dito "a ti temos que recuperarte, tes que vir pra Galiza", son consciente da dificultade que iso encarna. Polo tanto, mellor non derramar ningunha lágrima, até que se consume o meu pensamento negativo ou, polo contrario, se faga realidade o soño...

O Son do Ar... O clima da Galiza da lugar a situacións moi bonitas. O vento, cando zoa entre as árbores e entre as casas de pedra, semella escapar dunha treboada que, de ben seguro, está por chegar. E esa treboada, precedida por tronos, e culminada con unha treixada perenne e regular é capaz de levar por diante ata os sons das gaitas que, no verán, honran na nosa terra aos santos máis descoñecidos. Incluso, nos tempos estivais, as nosas terras, ferventes de volver ao rego deléitannos con momentos invernais, que, aos que estamos fora, énchennos de ledicia pero tamén de bágoas os ollos.

Aquí xa non chove. A teoría que lles comentei foi certa, malia que podía ter sido casualidade. Máis na miña alma segue á chover...

Chuzame! chuzame -