Archive for the ‘Sociedade’ Category

Portugal, Galiza, e os ollos alleos

xuño 16, 2008

O pasado 10 de Xuño celebrouse o día de Camões, o día das Comunidades Portuguesas. En definitiva, os portugueses celebraron o seu día da patria, unha información pouco relevante a nivel mediático xa que non foi referenciada (nin o foi nunca) polos xornais (en papel e dixitais) de Madrid e por extensión os europeus. Esta falla de información do que acontece no país veciño é bastante sintomática. Lonxe do Menos mal que nos queda Portugal, do paniberismo rexurdinte en según qué mentes (algunhas interesadas, outras menos) e da simple competencia en torneos deportivos, os nosos irmáns portugueses son uns absolutos descoñecidos. E podemos citar exemplos moi claros.

Quén é realmente importante na política europea? Alemania, Francia e o Reino Unido. Quen ten uns gobernantes con maior influencia (aínda que sexa mediática) na política comunitaria? Alemania, Francia, Reino Unido, España e Italia (configurando ese equilibrio entre a Europa continental e a mediterránea). E Portugal? Lonxe quedan xa as boas relacións co Reino Unido que o levaron a acadala independencia, ou a proxección internacional que tivo até o século XIX (conservando un imperio máis forte que o español). Agora mesmo, nin Cavaco Silva nin José Sócrates (aínda que este último é un político ben visto dende según qué países) son líderes recoñecidos. Nin, tan siquera, coñecidos. Quen rompe a regla: o señor Durao Barroso, con tan grandes méritos como aparecer na foto das Azores e levar a cabo políticas a imitación das de Aznar en España no curto período de mandato que tivo como primeiro ministro de Portugal (2002-2004). E tamén hai quen fala que Durao Barroso quitoulle proxección á UE (tendo en conta que os anteriores presidentes da comisión nos últimos 20 anos foron homes coma Romano Prodi, Manuel Marín – interino- , Jacques Santer, Jacques Delors e Gaston Thorn). Mais Portugal non merece ese trato informativo.

Portugal é un país que, informativamente, dá máis do que recibe. Lendo os xornais deportivos (A Bóla) vese claramente, pero tamén lendo o diario “Público”, ou o “Diario de Noticias” podemos atopar referencias á política de España (Zapatero – e no pasado foino Aznar - é un asiduo de páxinas de política). A lóxica do medo é a que guía Portugal: o xigante español (tan puxante económicamente en tempos lonxanos) ameaza con afogar aos lusos. E, a verdade, non creo que dende o Estado Español se plantexaran ningunha vez iso, non por falta de ambición de según qué partidos españolistas, mais sí por ignorancia e descoñecemento da situación de Portugal.

O país luso é definido politolóxicamente como unha das poucas nacións puras, estados cunha soa nación (e cultura) real do ámbito mundial. É moi significativo que isto sexa así: tan só unha illa como Islandia é considerada como un exemplo parello ao portugués. Este feito pódese explicar por dúas vías: polo descoñecemento por parte dos sabios da diferenciación cultural (que non nacional) Norte-Sul ou pola unidade nacional construida durante a ditadura que se arrastrou até os nosos días. Esta unidade nacional do Estado Portugués, construida sobre o patrón do vello imperio portugués e artificiosa por definición, non resposta á realidade. É inevitábel acordame do Air Galicia (ese programa de humor da galega) de hai menos dunha semana, na que os galegos se separaban de España e pasaban a formar parte de Portugal (nunha unión esaxerada nos tópicos, pero útil pra identificala). Portugal é o Estado-nación perfecto, superando a Francia. E non nos esquezamos, a ignorancia dos ollos que a miran, aínda avivan máis os tópicos e homoxeneización social das xentes que alí viven. Cómo se explica, se non, que os portugueses do norte falen cada vez máis unha lingua máis semellante á que fala o lisboeta?

Galiza non pode pecar de centralismo, como diseñaron os franceses o como aplicaron tamén (con maior ou menor éxito) portugueses e españois. Galiza non se pode refuxiar na ignorancia dos ollos dos que a miran (que seguen á vela como un lugar estrano), ten que saber equilibrar o interior e a costa, o rural coas cidades, non ter unha capital forte en termos industriais (pero sí en culturais) etc. Galiza, debe fomentalo uso da lingua do noso país, pero ten que respetar a gheada sen ridiculizala e incluir tamén en textos formais (e oficiais) o uso do che tan característico dalgunhas zonas de Ourense. O modelo multicultural suizo (que, malia que tamén son obxeto de prexuízos e visións externas erróneas), que respeta a identidade de quen fala unha lingua ou outra e que, mediante o seu sistema federal, artella o poder dos cantóns e o da federación, sería un modelo a imitar, ou polo menos a ter en conta na conciencia de todos os galegos con capacidade de dilucidar o futuro da nosa nación (independentemente do signo político co que nos identifiquemos).

E, a ver se dunha vez por todas, nos damos conta de que o Estado-nación (a raça que pregona Cavaco Silva) é un modelo caduco. Tampouco imos dicir agora que nós non somos GALEGOS, porque, é evidente que o somos. Mais non podemos nin cerrarnos ao mundo nin ignorar o que nos rodea. Non nos esquezamos da opresión, non nos convirtamos en opresores, como aqueles vellos comunistas que, unha vez vendidos ao capitalismo, convertíronse en burgueses. Sexamos coherentes; vivamos polas ideas.

Artigo publicado en mundogaliza.com     e  vieiros.com

Chuzame! chuzame -

Poesía contra a ignorancia

maio 17, 2008

Dende hai séculos, temos unha lingua. Dende hai séculos, pódemonos identificar cun pronome de primeira persoa do plural. Nós, somos os que temos que darlle garantía ao avance e promoción da nosa lingua, recollendo o testigo de aqueles que o fixeron no pasado e que nos transmitiron ese amor ao galego.

Hoxe, é 17 de Maio, Día das Letras Galegas. Por iso temos que manifestarnos con máis claridade, con máis forza aínda, do que nos manifestamos no día a día. Temos que utilizala lingua do mellor xeito que sabemos (ou que saben os que saben) pra levantarnos contra poderes maiores que, dunha forma sibilina e continuada, afogan dun xeito ou outro os dereitos de quen queren vivir en galego. Pero non temos que ser negativos: nós, debemos defender a nosa lingua polo simple feito de que non nos serven argumentos como o número de falantes, como a presunta utilidade de inglés, castelán, francés... A nós, válenos o galego, porque somos galegos e;o demáis, xa non é cuestión de dereitos, é cuestión de pluralidade (da que non debemos esquecernos.

DEITADO FRENTE Ó MAR...

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...

 

Celso Emilio Ferreiro (Longa Noite de Pedra)

A nosa Galiza, que ollaron Castelao, Rosalía, Pondal e tantos outros, con ollos de ilusión e con acción reivindicativa, merece que sigamos facéndoo. Fagámolo por nós. Fagámolo polo galego.

Chuzame! chuzame -

A Diáspora e a Emigración

abril 5, 2008

Moitas veces confundimos conceptos. A influencia que exercen os poderes públicos e a meirande parte dos medios de comunicación sobre a concepción dos galegos no exterior é moito maior do que moitas veces nos paramos á pensar. Cando pronuncia alguén as palabras "emigrante", "emigrar" ou "Galiza exterior" o imaxinario colectivo dos residentes no país tende á recordar tan só dous aspectos (negativos): o fraude que representan as eleccións nas que participan os inscritos no CERA e, por outro lado, as imaxes en blanco e negro de xente antes de embarcar na aventura de marchar da terra nai.

Dos procesos democráticos no exterior teño pouco que dicir; apoio a mellora da calidade do voto no exterior, mais penso que, moitas veces, hai un déficit de información por culpa dos propios políticos e do pouco vencellamento con Galiza con algúns dos netos de galegos que aínda conservan dereito a voto. Mais iso, por moito que se teorice, son cuestións políticas. A onde quero chegar eu é ao outro tema; á iconografía (aínda perdurable) sobre a Galiza exterior.

Todos coñecemos a foto que Manuel Ferrol lle fixo a Manuel Ángel Calo Marcote (coñecido como O Jurjo) no porto da Coruña, mentres vía como despedían del a súa nai e mais dúas irmás (que ían camiño de Bos Aires). Ao seu lado, tiña abrazado a el ao seu fillo Xoán, de 6 anos, que está á chorar coa mesma intensidade que O Jurjo. Dende o punto de vista fotográfico, a foto é ben representativa da realidade do momento; dunha emigración forzada polas circunstancias, polas dificultades pra saír adiante. Chegados ata aquí, non habería ningún tipo de problema.

As consecuencias desta imaxe (e de todo o que comporta, evidentemente), a día de hoxe, son devastadoras (aínda sabéndome eu un devoto da arte fotográfica e máis desta fotografía en concreto). Son devastadoras, repito, porque á xente de Galiza xa non se lle ocorre pensar nos emigrantes como alguén que vive noutro sitio, conservando a súa identidade e espallándoa polo mundo, senón que os consideran simplemente como un residuo histórico de tempos peores. É por iso que compre espallar a idea de diáspora.

A diáspora, sería, esa xente galega, de orixe, devoción ou nacemento que, estando espallada por todo o mundo, transmite esa mensaxe, esas raíces, ese amor, esa morriña e tantas outras cousas e sentimentos aos que alí o rodean. Galiza, por tanto, vive alí onde vive un galego. Había quen decía que, en Barcelona, onde eu resido, podíase vivir única e exclusivamente en galego. E, a verdade, eu non llo nego, mais eu non optarei por esa opción. Sempre emocionan eses ollos extrañados dalgún catalán que che pregunta pola túa condición, polo teu país; polo teu. ¿Se naciches en Esplugues de Llobregat como vas ser galego?¿Falas galego na casa?¿Existe unha ortografía, sintaxe e diccionario en galego?¿Cómo que fas radio en galego en Barcelona?. E de feito, contarlles todo isto é contarlle unha historia de vida; un proceso decisorio, vital (onde tamén está o momento de marchar da terra , mais non o é todo) e, sobre todo, consciente da identidade persoal con respecto ao colectivo.

En conclusión, emigrantes son aqueles que marcharon e só gardan sentimentos negativos no seu interior, moitas veces movidos pola morriña, pero que nunca se adaptaron ao paso dos anos. A diáspora somos aqueles que, aínda que tivemos que marchar, construimos Galiza ali onde vamos; sen caer na construcción de ghetos, mesturándonos e enriquecéndonos do que vemos alén das nosas fronteiras. Desta forma, temos a difícil misión pedagóxica de facerlles saber a cataláns, arxentinos, españois, franceses etc que somos galegos. Mais, desafortunadamente, tamén llo temos que explicar á meirande parte dos galegos.

Artigo publicado en Vieiros.com o 31/03/2008.

Chuzame! chuzame -

Pensadores (II)

outubro 11, 2007

Sempre odiei aquela xente que gosta de alardear do que ten, sabe, ou propón. Nunca me gustou. É máis, considero que hai que ter certa gracia pra rirse (tomando distancia, claro está) do que nós mesmo temos, sabemos (Tan só sei que non sei nada) ou propoñemos. Na Universidade, demostráronme, moitos rapaces que están acostumados a ser os sabelotodos do seu instituto, cual "niño de primaria" se tratara. E sí, saber o mesmo ca eles (se cadra máis, ou máis matizado) e calar, ten un valor engadido. Seguramente, o coñecemento, non ten prezo, máis si valor. Mais a adecuación ao medio, e o saber ter en conta o factor social, en moitos casos, é importante. Pensar, se cadra, é saber actuar, neste caso; o mellor nivel de adaptación ao medio é seguir facendo o que se desprende dos teus principios, pero sen asoballar. Ou, polo menos, tentalo. Tiña que dicilo.

Todo isto dígoo porque hoxe quería falar da miña clase de Ciencia da Administración. A profesora, - que dun xeito case provocador de cara ao amplo sector independentista da miña clase, imparte as clases en castelán- o outro día estaba falando das saídas teorizadas sobre a resolución da crise sobre o Estado do Benestar. Así, presentaba dúas correntes ideolóxicas opostas, na teoría: o neoliberalismo (que dicía comezar con Reagan e Thatcher, nos seus respectivos países e mandatos) e a socialdemocracia (na que o modelo, de sempre, foron os paises nórdicos: Suecia, Noruega...) E, nese intre, no que os grandes cerebros da miña clase debían ter levantado a man, airosos, con ganas de deixar en evidencia unha profesora que non lle podería negar unha evidencia, levantei eu a man.

Sabedores todos, da miña condición nacional - sí, galega - , atenderon, con maiores ganas das normais (teño que recoñecer) qué era o que eu quería aportar. Unha pequena mención foi suficiente pra que ninguén dos alí se enterara de por onde ían os tiros.

¿La Tercera Vía o Liberalismo Social sería una teoría para la resolución de los problemas del Estado de Bienestar?

E, evidentemente, malia que eu non profese, si o é. E foi entón cando, aqueles que, forzosamente, fixéronse ver diante dos profesores cando se preguntaban en clase cousas do currículo do Bacharelato, desapareceron.

Pensador, logo, eu non o serei, porque nese intre, deixeime levar polas pasións. Mais sí que hai que recoñecer que, dende logo, hai quen cre máis de si mesmo do que, realmente, pode ofrecer. Ben sei de nais que gababan os estudos dos seus fillos, na primaria. ¿Onde están agora? Pensadores, non che son.

Chuzame! chuzame -