Isto é Esparta

marzo 22, 2008

Iso semellan berrar tódolos líderes políticos a día de hoxe; inseridos en plena campaña electoral. Como se o noso país fora a terra da loita sen violencia, aparecen polas nosas rúas numerosos cartaces coas caras de Zapatero, Rajoy, Jorquera e tantos outros de menor incidencia real nos nosos futuros e no noso día a día.

Semella que se nos acaba o tempo; que despois do 9 de marzo xa non haberá vida nin posible relación co mundo da política. Hai moitos (non todos, evidentemente) que parecen invocar a Mosca e a Pareto, querendo impor un modelo de democracia elitista onde o cidadán, ao ter depositado o seu voto, deixe de existir durante 4 anos (e a ser posíbel, que non dé moito a lata). Por citar algún exemplo, os gobernantes do PSOE de España ben podían facer campañas chamando á participación real durante a lexislatura 2004-2008, non á hora de facer a campaña dirixida a pedilo voto (cos videos guais dirixidos por Isabel Coixet.)

Á marxe da crítica concreta ás campañas electorais, nas que vai tempo que se superaron os límites do racional e normal (un mitin xa non é unha explicación dun mapa, senón un baño de multides de reafirmación dunha ideoloxía), podo afirmar, sen arrepentirme, que estamos á ver unhas campañas electorais técnicamente moi boas, pero horribles na praxis política. Utilizando o método da contrapromesa, só caibe a reafirmación nas propias ideas e o aplauso interesado de quen gosta de escoitar. Neste marco, os medios de comunicación (especialmente as televisións) teñen un papel preponderante; así coma os grupos de presión máis organizados e disciplinados (círculos empresariais, colectivos de homosexuais, etc).

Moito se ten falado (e as propias canles de televisión así o demostraron) da importancia de escoller un moderador de cara a un debate. Eu penso que, ningún tipo de debate vai mobilizar a ninguén; se cadra tan só vai mover as conciencias daqueles que realmente pensan e meditan o seu voto (é dicir, aqueles que saben a quen votan cando insertan a súa papeleta na urna.)

É que o Estado ten graves problemas en cuestións de pedagoxía sobre a democracia. É inadmisíbel que se deixe pensar á poboación que votan por "Rajoy" ou "Zapatero". !Non, señora, non, vostede non vota por Rajoy ou Jorquera, senón que escolle a Olaia ou a Ana Pastor! Esperemos que, sobre isto, algo faga esa asignatura (tan criticada polo Partido Popular) que é Educación pra a Cidadanía. O que non pode ser é que tanto circo montado non faga máis que despistar ao personal sobre o sistema político e que, tan só os ben informados e os politólogos saian nas revistas especializadas e en artigos de opinión a desmentir as lendas urbanas sobre o mundo da política.

Por iso precisamos unha democracia real, onde se recoñeza o dereito á decidir dos povos, así como que poidamos dicir, sen avergoñarnos: "Isto é Galiza!". E aínda queda moito por camiñar.

Chuzame! chuzame -

Tiro ao aire

xaneiro 10, 2008

Despértome, miro cara arriba e, co medo no rostro, escoito como se repiten, unha e outra vez, uns sóns difíciles de recoñecer pero que, noutros tempos, seguramente, tivera pensado que se tratara dun disparo. Medio durmido, móvome paseniño cara á fiestra, e, de súpeto, vexo unha luz resplandecedora por detrás das cortinas. Pensei na policía, en multitudes de ambulancias. Por iso, din un paso atrás e, recollendo toda a valentía que me quedaba, abrín a fiestra de par en par. Comezaba o ano: eran fogos de artificio.

O home, xeralmente, pouco diferencia entre o festivo e o apocalíptico. E é ben curioso. O 2008 comezou cunhas proclamas apocalípticas no económico (contrarrestadas polas opinións dos gobernos de turno), coa consecución (a ver pra cando) de novas competencias pra Galiza e, sobre todo, coa precampaña electoral. Unha campaña electoral marcada pola sinrazón e a promesa fácil, en tempos difíciles. 

Sí, está claro: as apariencias enganan. Nin o PSOE está á sacar a súa vena máis federalista repartindo competencias por doquier nin tampouco as chamadas ao patriotismo de Zapatero son froito dun aumento do centralismo nas conciencias de eses que se fan chamar obreiros.  Tampouco, por parte do Partido Popular, se quedan cortos. Rajoy tanta fala de primos, como nega o cambio climático, como contradi a Fraga dicindo que "non quero que o matrimonio homosexual sexa matrimonio: debe ser unha unión de feito".  ¿Se a efectos legais e xurídicos será o mesmo... Non é unha medida esa de cara á galería?

Paciencia, hai que ter. Mentras, o resto dos partidos esfórzanse por facerse cun anaquiño de cota de pantalla nesta pre-pre-campaña bipolarizada. De ERC en Catalunya aínda non sei nada (sobre algo que non sexa o TGV), pero CiU xa fixo suficiente ruído co tema do AVE, malia que foi máis capitalizado no ámbito estatal polo PP. O BNG está xogando unha carta que nunca xogara, e que segundo as enquisas (Público) deixaríao onde está: con dous deputados (malia a reducción dun deputado pola Coruña). Nestas eleccións comprobaremos se, os galegos, despois do pragmatismo quintanista, votarán como galegos, dunha vez por todas. Se non, habería que mirar de buscar outros camiños...

Xa deron o tiro ao aire. Xa comezou a carreira. O que chegue primeiro, goberna o Estado. Deus nos asista.

Chuzame! chuzame -

O fin do ano

decembro 31, 2007

Seguramente, moita xente dalle unha importancia suprema ao Nadal no seu conxunto, á Noiteboa e, en definitiva, ás festas onde os cartos non acougan dentro da carteira (xa ven porque os gastas ou porque aqueles que se adican a collelos prestados do peto de quen pode están especialmente agudos). Pero eu, en cambio, sempre afirmei, e volvo afirmar, que non me gusta o Nadal. É máis, son as festas máis crueles pra aqueles que non están ben e as máis melancólicas pra aqueles que, aínda estando ben, en condicións normais non reflexionarían sobre feitos pasados ou inesquecíbeis.

Está claro que o Nadal é necesario. Dende o punto de vista económico (un aumento exponencial do gasto das familias) e dende o punto de vista emocional (que aparentemente enternece o afán destructivo da sociedade competitivamente capitalista do século XXI). Pero é necesario cando nos poñemos á mirar a vida como un político ou como un sociólogo. Se imos máis alá e mirámos a vida dende a nosa condición de persoas darémonos conta que o Nadal, en si mismo, é un "querer e non poder". Son bos propósitos que se quedan na utopía.

Sin embargo, o fin de ano sí que ten significado, na miña opinión. Non é tan hipócrita (quen pasa o fin de ano co cuñado que lle cae mal?), é máis festivo e ademáis é aleatorio (prefiro facer un día de festa sen motivo que celebrar o Solsticio de Inverno como xa facían os romanos; digo eu).

Pero vamos, que os mellores desexos que teño de cara ao 2008 se lle cumplan a todo o mundo. Non pretendo ser mal patrón, viaxeiros desta bitácora!

Chuzame! chuzame -

Estabilidade

novembro 13, 2007

O outro día comentaba cun bo amigo meu o bonito que é estar seguro dalgunha cousa; saber de certo que o que dis é demostrábel. E parece que, en conversacións de bar (ou similares), todos levan a razón (mais xeralmente ningún acaba por dar unha lectura razonada de nada; berrar non leva a ningures).

Ben, saber algo ao 100%, a día de hoxe, considero, é bastante difícil. Por poñer un exemplo, podemos asegurar sen trabucarnos que o estado cambiante da sociedade impídenos estabelecer modelos inamovibles de actuación (en ámbitos concretos) á hora de comezar relacións sociais. E iso, realmente, fai que (cual Madonna se tratase) te teñas que reinventar de forma casi continuada, cada vez que cambias de ambiente.

Iso, pra os que lamentábelmente tivemos que emigrar, é unha constante. Eu, en Catalunya, cambiei. Foi o tempo, pero tamén foron os que me rodearon e a forma de vivilo. E agora, cheguei a un punto do que, seguramente, non hai retorno. Estou seguro de algo, ao 100%, cousa complicada, tal e como dixen anteriormente. E aquelo do que estou seguro é algo que, na Galiza, non sentín.

Estar namorado é tan bo como malos os momentos previos a ser correspondido. Choveu moito, fai un mes e algo, encima meu. Pero a espera pagou a pena. Hoxe, estou seguro de estar namorado e, incluso, de ser correspondido (da mellor das formas que podía imaxinar, todo sexa dito).

Pero vamos, iso xa non é cuestión do pensamento; o mundo "relativo" acábase cando atopas a estabilidade... Fora pesimismos e escepticismos!

Chuzame! chuzame -

Momentos…

outubro 21, 2007

Sempre é difícil manter unha imaxe de persoa enteira, infranqueábel e (aparentemente) fría ante os estímulos da vida. Sí, é complexo crear barreiras, poñer pedras no camiño dos que intentan ferir apelando ao persoal.

Gustoume dende pequecho escribir. Seguramente, foi o meu modo de escapar da realidade, de matar os prexuízos sociais e de crear unha personalidade propia, onde denunciar o malo da vida e enunciar o agochado dos meus adentros.  Xa de pequeno, algún profesor (dos poucos que collera confianza cun distante Silvio), chamábame "El hombre de hierro" apelando ao inexpresivo dos meus xestos e á tranquilidade diante das tarefas estudiantís, confiante do éxito na superación das mesmas.

Así, este rapaz que lles fala, sempre foi estigmatizado como una persoa efectiva académicamente e lineal socialmente, malia a incipiente capacidade que viña desenrolando no tocante á crítica social. Pero, os prexuízos, como ben é sabido, morren axiña, cando non son certos.  E, xustamente iso, aconteceume no día de onte.

Desexar a unha persoa, é moi bonito. Querer a unha persoa, cando es correspondido, cambiache a vida. Pero, cando amas a unha persoa, a parte de todo o xa mencionado, perdes o timón da nave, perdes a brúxula coa que sempre navegaches nos mares da vida.  E, cando, cheo de dor e raiba acumulada, provinente de tempos pasados nos que choveu arreo encima da miña alma, rompo á chorar polo bo do momento e a incredulidade coa que o vivo; entón é que son eu.

Sí, foi onte. Camiñando polas Ramblas, ás 12 da noite. Rompín á chorar, da man dunha moza; da miña moza.  Son prudente; non considero axeitado mostrar os meus sentimentos así como así, a calquera que coñeza: sobre todo, porque sempre son sinceros e entregados. Sí, valorando tempos pasados nos que eu, sufría día tras día, noite tras noite, sentíndome un iluso por, entre outras cousas, confiar aínda en que ela se fixara nun soñador coma min.

Lagrimóns percorrían o meu rostro, até chegar aos meus beizos. Ela, incrédula da miña explosión atemporal (tendo en conta o momento no que chegaban), non facía máis que vanagloriarse pola grandiosidade e sinceridade do que eu levaba dentro do meu peito. Eu, ríndome mentras choraba, só acertaba á comezar frases e á dicir palabras inconexas.

Son eses, só, os momentos que lle dan sentido á vida. Cando, realmente,  quitámonos as máscaras* e deixamos fluir o que levamos dentro, todo o acumulado, sae. A lo menos, confórmome con ter algo máis ca cabeza. Supoño que teño corazón...

Chuzame! chuzame -

Pensadores (II)

outubro 11, 2007

Sempre odiei aquela xente que gosta de alardear do que ten, sabe, ou propón. Nunca me gustou. É máis, considero que hai que ter certa gracia pra rirse (tomando distancia, claro está) do que nós mesmo temos, sabemos (Tan só sei que non sei nada) ou propoñemos. Na Universidade, demostráronme, moitos rapaces que están acostumados a ser os sabelotodos do seu instituto, cual "niño de primaria" se tratara. E sí, saber o mesmo ca eles (se cadra máis, ou máis matizado) e calar, ten un valor engadido. Seguramente, o coñecemento, non ten prezo, máis si valor. Mais a adecuación ao medio, e o saber ter en conta o factor social, en moitos casos, é importante. Pensar, se cadra, é saber actuar, neste caso; o mellor nivel de adaptación ao medio é seguir facendo o que se desprende dos teus principios, pero sen asoballar. Ou, polo menos, tentalo. Tiña que dicilo.

Todo isto dígoo porque hoxe quería falar da miña clase de Ciencia da Administración. A profesora, - que dun xeito case provocador de cara ao amplo sector independentista da miña clase, imparte as clases en castelán- o outro día estaba falando das saídas teorizadas sobre a resolución da crise sobre o Estado do Benestar. Así, presentaba dúas correntes ideolóxicas opostas, na teoría: o neoliberalismo (que dicía comezar con Reagan e Thatcher, nos seus respectivos países e mandatos) e a socialdemocracia (na que o modelo, de sempre, foron os paises nórdicos: Suecia, Noruega...) E, nese intre, no que os grandes cerebros da miña clase debían ter levantado a man, airosos, con ganas de deixar en evidencia unha profesora que non lle podería negar unha evidencia, levantei eu a man.

Sabedores todos, da miña condición nacional - sí, galega - , atenderon, con maiores ganas das normais (teño que recoñecer) qué era o que eu quería aportar. Unha pequena mención foi suficiente pra que ninguén dos alí se enterara de por onde ían os tiros.

¿La Tercera Vía o Liberalismo Social sería una teoría para la resolución de los problemas del Estado de Bienestar?

E, evidentemente, malia que eu non profese, si o é. E foi entón cando, aqueles que, forzosamente, fixéronse ver diante dos profesores cando se preguntaban en clase cousas do currículo do Bacharelato, desapareceron.

Pensador, logo, eu non o serei, porque nese intre, deixeime levar polas pasións. Mais sí que hai que recoñecer que, dende logo, hai quen cre máis de si mesmo do que, realmente, pode ofrecer. Ben sei de nais que gababan os estudos dos seus fillos, na primaria. ¿Onde están agora? Pensadores, non che son.

Chuzame! chuzame -

Pensadores (I)

outubro 10, 2007

Hoxe, camiñaba pola rúa Villarroel (sí, a miña) e atopei un cartaz onde se anunciaba un espectáculo-show de maxia. Proseguín a miña marcha, cara á escola que me acolleu na ESO e que agora instrúe ao meu irmán (iso sí, aínda na Primaria). Á volta, da man dunha muller duns 40 anos, botoulle unha ollada ao cartaz anteriormente comentado e, contestando a dúbida do seu fillo, dixo: "Eso son mentalistas, pensadores de esos". Instantes despois, laieime de canto mal fixo na vida cotiá do país Anthony Blake. Pero iso, é outro conto.

Seguramente, os pensadores, nunca saian en cartaces, pensei pra min. É máis, que un pensador actúe nun teatro, veríao como un complemento, se cadra, nunca como un núcleo. Á marxe diso, pareceume curioso que, aínda hoxe, a realidade esté tan distorsionada.

Pensadores son xente como Quim Monzó que, no seu empeño de facer un non-discurso, foi aplaudido con ansias pola boa realización do  discurso (Contradicción? Non!) inaugural da presenza catalá na Feira de Frankfurt. Vai ben pouco, comentáballe eu a Luis Bará, Director Xeral de Promoción e Difusión Cultural da Xunta de Galiza, que moito tiñamos que traballar só pra que nos invitaran a participar como cultura invitada na feira cultural alemana. Él, obviamente, foise polas ramas. É o seu, de ben seguro, quédannos largos anos de traballo tendo que facer comentarios pesimistas ao respecto, sobre esta posibilidade.

E ben, hoxe (10 de Outubro) fago 18 anos.  Últimamente, quero aclarar, o meu espirito pesimista magnificouse, como todos puidestes comprobar. Mais, seguramente, non sexa xa unha crise daqueles típicas de adolescentes mimados e semi-pijos; supoño que é un dos síntomas do choque do individuo contra a sociedade. Porque hoxe, pensar, non se considera... Non se pensa nos que pensan, non se pensa en pensar...

Chuzame! chuzame -

¿Novos tempos?

outubro 6, 2007

Sí, agora estou na universidade. Todo semella diferente, incluso, os compañeiros, que proveñen de moi diferentes sitios desta terra, de Catalunya. A xente, contrariamente ao que pasa en moitos círculos diferentes a este, ábrese extraordinariamente a manter conversas con xente da que ignoran todo. É curioso, cando menos, ver como o azar é o que máis xoga en posíbeis amizades que duraran anos, seguramente. Pero vamos, hai quen lle quere chamar destino.

Hoxe, estou extraordinariamente pesimista. Foron algúns os que me preguntaron qué me pasada, a raíz do último post. Realmente, ter un mal que todo o mundo pasou algunha vez non me alerta; alértame ter sempre o meu mesmo mal.

De aquí, o título. En realidade, botou á andar unha nova etapa no meu transcurso vital pero, inexplicablemente, sinto que vivo nun bucle e que, tan só, cambiaron os actores que me rodean. E, neste caso, non falo dos meus compañeiros e compañeiras de Ciencias Políticas, nos que tiven unha gran acollida. El gallego sempre cae ben, neste tipo de situacións, mais en realidade, sempre ten un transfondo vital do que ten que olvidarse, necesariamente.

Si, aínda chove. Pero parece que xa caeu o diluvio. Só hai que esperar...

Chuzame! chuzame -

Segue chovendo…

setembro 24, 2007

Pero hoxe, chove dentro de min. Non é morriña, non é nada... É soedade. Hoxe, seguramente, verédesme escribir co corazón. Haberá erros, haberá pausas e incorcondancias. Todo será porque o meu estómago hoxe, de tanta ansiedade, síntese coma un trapo. Un trapo usado, rexeitado e posteriormente pisoteado; sen querer, por suposto. Ou sen saber evitalo, que a moita xente lle pasa.

E ben, hoxe, de min, só queda aquel cheiro a herba, de cando chove, chove e chove... Pero tanta chuvia xa botou á perder a colleita. E xa hai charcos. E énchense as pozas. Ata que se baleiren, non voltarei a ser o mesmo. E disque este ano, choveu máis ca nos últimos 6...

 Ilusionarse é o peor que lle pode pasar a unha persoa. É depositar a confianza e as expectativas nun obxeto ou non suxeto, e, calquera dos dous, sempre acaba por non chegar a tan altas expectativas.

O pesimismo e o escepticismo son as mellores armas contra a sociedade do século XXI. A lo menos, para min...

Chuzame! chuzame -

Chovendo…

setembro 22, 2007

Estou na casa, no ordenador, queimando os últimos días das miñas vacacións. Vacacións que, por outro lado, considero que xa remataron no momento no que tiven que marchar da terra. De súpito, o meu reproductor de música atopa (aleatoriamente) unha canción emblemática : "O Son do Ar", de Carlos Nuñez. A miña cara sufre unha transformación, a medida que os acordes da música se van sucedendo.

Hoxe chove, aquí en Barcelona. Pero non chove como na Galiza. Aquí, caen pequenas treixadas e, ao pouco tempo, abocaña de novo, pra, seguramente, non chover máis durante 2 ou 3 horas. Iso engrandece as miñas ganas de chorar. E non, non o farei, porque, malia que me pese, xa non son capaz de ser tan tremendamente utópico. E digo utópico porque, aínda que ata altas instancias políticas me teñen dito "a ti temos que recuperarte, tes que vir pra Galiza", son consciente da dificultade que iso encarna. Polo tanto, mellor non derramar ningunha lágrima, até que se consume o meu pensamento negativo ou, polo contrario, se faga realidade o soño...

O Son do Ar... O clima da Galiza da lugar a situacións moi bonitas. O vento, cando zoa entre as árbores e entre as casas de pedra, semella escapar dunha treboada que, de ben seguro, está por chegar. E esa treboada, precedida por tronos, e culminada con unha treixada perenne e regular é capaz de levar por diante ata os sons das gaitas que, no verán, honran na nosa terra aos santos máis descoñecidos. Incluso, nos tempos estivais, as nosas terras, ferventes de volver ao rego deléitannos con momentos invernais, que, aos que estamos fora, énchennos de ledicia pero tamén de bágoas os ollos.

Aquí xa non chove. A teoría que lles comentei foi certa, malia que podía ter sido casualidade. Máis na miña alma segue á chover...

Chuzame! chuzame -